... coma eles!
Lendo o artigo de Manuel Jabois (Sementar), veume á cabeza o asunto da caza, e o obsexionado que me deixou, que non facía máis que pensar nas partes. A culpa, coma sempre, dos medios de comunicación, que non paran. Escoitara falar na radio estes días dos problemas derivados da contaminación, neste caso química, e das diferencias grandes dunhas comunidades a outras, segundo afirmaban. Sabíase ademais, por un estudo completo, válido para todo o estado. Empezaron comparando a Cataluña e Galicia, non se sabe moi ben por que, mais eu creo que foi debido a que o organismo que desenvolveu o estudo era catalán e púxonos a nós pensando que nos ían gañar. Pero perderon. Rácanos como son, non quixeron gastar comparándose cos do País Vasco, porque sabían que alí tamén teñen industrias, e elixiron Galicia, porque aquí nin o viño nin o leite son totalmente química, e como outra cousa non hai...
Conste que eu non sei de que me alegro, porque non son das persoas estudadas nesa investigación. Pásame coma en tódalas enquisas, nunca me toca máis que lerlles os resultados. Ás veces penso que xa as fan as máquinas que inventan persoas de mentira para facer resultados de verdade. Neste caso é un pouco máis difícil, porque como estudaban o seme íano ter complicado.
Si. Eu sempre o dixen, o seme dos galegos é o de mellor calidade de España. Iso débese á pouca contaminación, derivada da inexistente industrialización.
Pero, un momento... Estudaron tamén o seme dos galegos emigrados en Cataluña e no País Vasco? Buscaron incluso aos galegos de ultramar? Non farían o estudo en Burela, onde seica hai xentes que viñeron de Cabo Verde, que son unhas illas nada industrializadas perdidas no Atlántico? De que galegos falamos? Eu quero pensar que os que fixeron ese estudo vían daquelas o programa de Buenafuente, e a quen acabaron pedíndolle o seme foi a Alfonso Alfonso e os seus veciños, aproveitando que andaban por Cataluña e así podían aforrar. Sendo así, e sabedores que eu son da mesma zona...
A pel vese suave na caricia
O tacto faise lento
de profundo
de profundo
Entregas que un achega
Destemido
Sendo o tempo
Aí
Aí
A clara pausa
O desexo concentrado nun instante
Tan fugaz
Tan soñado
Na apertura do interior
De todo un
E aparecen os instintos máis primarios
Os desordes xenerosos do egoísmo
Nunha paz que se quer lonxe
Cal final.
.