domingo, 24 de fevereiro de 2013

Asombro



Pásame ás veces. Vén a fin de semana e aproveito para perderme en periódicos e noticias que atopo na rede. E remato por poder afirmar que a capacidade de asombro é ilimitada. Cada vez que me digo que nada me vai parecer máis raro e inadmisible que o que estou a ollar, aparece  a noticia recente e demóstrame que non.

Menos mal que só me pasa coas que están relacionadas coa nosa miserenta condición humana!

Agora, se son capaz, dirixirei a ollada cara ao mundo animal e vexetal, sempre máis previsibles, ao que se ve.









A vida que se acaba sen vivir
reparte para todos a tristeza.


Pensei mirar tan lonxe
(por saber)


Pensei en tantos mundos descubertos.


A terra faise así demais pequena
(e pérdese a intención)


Reparto desigual que nos dá a vida
por xentes de distinta condición.




















.






quarta-feira, 20 de fevereiro de 2013

Expolios





 Furtivo. Polo mediodía achegueime á ribeira a recoller cunchas e algo de area e tiven unha certa sensación de ser un furtivo, de facer algo prohibido e reprobable. Levei un pequeno caldeiro de plástico para coller a area e decateime que se todos os habitantes desta comarcas fixésemos o mesmo é probable que ao remate a nosa ría quedase núa.
Ou non.
Tamén lembrei (sempre me dá por pensar cousas dispares nos momentos máis estraños) que un metro cadrado de herba dá o osíxeno que unha persoa precisa durante un ano. Un só metro cadrado!
E entón?
Eu non son o problema collendo area para as miñas galiñas, pobres elas, que poñen ovos fráxiles, tanto que un, onte mesmo (por iso fun á praia) rompeume na man, a pesar de collelo con suavidade, porque xa sei como son. Menos mal que non me magoou nada, pero quedar quedei sen el! Ao que ía, o problema son as praias artificiais e as construcións megalómanas ás que someten as nosas costas, que removen ben máis area que a que poderiamos coller en dúas vidas e a caldeiriños as poucas persoas que quedan na nosa comarca.

E do osíxeno, que a pesar de todo  nos falta, xa falaremos outro día.














Cada voz que ti me falas
desde o camiño de enfronte
no meu sentir dáme os ecos
dos nosos bicos de onte.


Ségueme falando así
regalándome os teus sons
conseguindo que chea dea
veas, sangue e corazón.


Con palabras tan sentidas
que bican a miña pel...
De poder soñar así,
nunca máis despertarei.





















.

sexta-feira, 15 de fevereiro de 2013

Amor








Sufrimos pola xente á que queremos, dunha maneira tan interna coma intensa, pois non deixamos que asome en demasía a nosa pena, pero o pensamento non é quen de superalo e revive dor sen que lle pase. Se queremos, dóenos e ese cariño tén un valor engadido grazas ao cal, cando a vida se conduce deixándonos desfrutala, o goce remata por ser maior. Non pode resultar esaxerado pensar que as persoas desexariamos ter o don de poder transmutarnos naqueles aos que amamos, de xeito que nunca, se de nós dependese, os habería de alcanzar a tristeza.   








Estamos en invierno, amor, y llueve ...
Luis López de Anglada



E todo o que nos molla en desamparo
penetra no máis fondo, mesmo en nós,
nas verbas que falamos, e na voz
que acada para si o ton non caro.



Estamos nun inverno, sendo frío,
no abrigo que estrañamos ao non vernos
nos ollos que non ven por non querernos,
en todo o que se foi: auga de río.



A vida que non volve, xa perdida
en tempos rematados sen sabelo.
Estamos sendo inverno, sen querelo,
enchendo de xeada a nosa vida.



Que nazan soles quentes, primaveras,
e acaben cun inverno xa de eras.















.

quarta-feira, 6 de fevereiro de 2013

Ensinanzas








 A cousa vai indo. Xa melloramos e podemos estar ledos. O mundo é como ten que ser. A Terra volveu ao seu sitio e todo iso de que somos estrelas, ou hidróxeno, que vén sendo o mesmo, era un conto.

Fíxonos un deus tal e como nos contaban e nos obrigaron a aprender de pequenos. Talmente. Barro somos, de mellor ou peor calidade, pero barro, se miramos aos nosos ancestros.

Un profesor da universidade do País Vasco e outro profesor de secundaria da parte do Levante (que ademais tén o título de doutor) publican con fachenda que a Terra é o centro do Universo. Igualiño a como o ensinaron os xesuítas naqueles tempos de deus. Son creacionistas e o seu libro, porque publicaron un libro coa teoría e a publicidade fáillela ABC, é especialmente recomendable para católicos con boa formación en ciencias. Pero non sei, catolicismo e boa formación en ciencias, a primeira vista, parecen dúas premisas incompatibles, aínda que nunca se sabe.

O que máis medo me dá non é que vendan o libro, porque co que se le nestes tempos moitos non han vender, preocúpame ben máis que os dous estean a ensinar, en secundaria e na universidade. Pobres alumnos se non se lles dá por facérense autodidáctas nas súas materias!






O espazo un día por esperto
cantou o inicio dunha Terra.

Foi ao paso e ben a modo
por ver se lle prestaba intelixencia.
Por que présa?
A que apuro?




Millóns de anos despois,
case tres mil,
houbo bacterias.
Soas.
Perdidas, esquecidas e distantes,
sen se ver.


Inmenso mar.









.




sábado, 2 de fevereiro de 2013

Vómitos







Á unha e pouco andaba eu pola cociña poñéndome un viño e unha olivas para facer sábado namentres organizaba o necesario para un xantar minimalista, non pola cantidade de comida, que era abondosa, e si polos comensais (só eu). Apaguei a radio e puxen a televisión. Ao pouco apareceu un señor de Sangenjo, ou por alí, que non dixo nada de sobres e púxose a falar de presuntas, de falsos, de honor, de infamias e de sombras.
Cando dixo o das sombras decateime de que era un poeta. Un poeta galego. Negra sombra que sempre me asombras primeiro, sombra do aire na herba despois, e agora, EL, en quen cremos, a sombra da sombra dun indicio manipulado. PPura PPoesía.
Non, non vomitei, salvoume que aínda non comera, pero á botella do mencía deille un bo arreón.

P. D. Está claro que EL non tén nada que ver con diñeiro negro, en todo caso con diñeiro subsahariano,  diñeiro moreno ou, como moito, con diñeiro de color. Tal e como corresponde coas persoas politicamente correctas.












Serenos,
vixiantes incansables,
atópanse de fronte
de buscalos,
constantes,
sen présas que os acucien
recollendo para si a historia toda
sabendo que,
se queren,
cantarannos
coas notas que conmoven aos espíritos.

De haber solicitude han de ser man,
axuda para o golpe,
a forza que se presta decidida.

Voltos cerne impenetrable,
vizosos e arrogantes,
prolíficos...


Nacendo mil en un en cada día.