quarta-feira, 16 de setembro de 2015

Felicidades!



      Gústame viaxar. Ver outras terras; coñecer outras xentes; imaxinar as formas de vivir desas persoas; poder cambiar o costume diario por uns días, volvendo o allleo en propio… Non é xusto o que se chama empatizar, palabra difícil demais en todo o seu significado, pero case. 

   Viaxar é aprender sentindo, tocando (hainos que ata o fan bailando); é vivir soños facendo de protagonista; é ser outra persoa a tempo total. Afortunados son eses todos que viven, viaxan, aprenden e fan do mundo un lugar pequeno e fermoso no que merece a pena vivir.


       Felicidades a todos eles!








De Harlem teño unha foto
dun corazón bailarín,
atractiva nas imaxes,
a foto chama por min.

A luz báilalle ao cristal 
e hai faíscas,
hai adornos, 
no ocre de mil madeiras;
faíscas,  felices  risos,
ocre historia no ritual; 
vivo o ritmo
vivo o gozo
de danzar.

Estacións dun dezanove imaxinario
luz de gas 
frío invernal
traqueteo ferroviario
con descanso musical
e público feito anuncio
dándolle bafo ao cristal.

Que se deteña aí o mundo 
que se empece a demorar
que os pasos sexan suaves
ninguén vaia desertar.
Péchese o mundo na arca
resgárdense na madeira
os tesouros  
os deslices.
Que se revelen  segredos 
sinuosos
ata os roces 
ou o tacto desas xemas
das persoas que se deixan
ben levar.

Non ao apuro
non ás présas
na cadencia do compás

Alegría, son vital.

De Harlem teño unha foto
gardada  no corazón
e inda non chegou o día
en que non chame por min.





















.

Sem comentários:

Enviar um comentário