Por fin. Rematei hoxe. Xa teño os papeis da ITV. Está
claro que a nosa vén a ser unha desas comúns relacións de
amor-odio. Xa non teño o meu coche de sempre, pero iso non me librou de ter que
volver pola ITV. Mercamos un coche do trinque, pero aló fun igual. O mesmo que
antes, pero máis axiña. Déuseme por poñerlle un gancho para
remolque e non queda máis remedio que pasar unha inspección.
Pedín cita, por precaución, e dez minutos ante
da hora estaba alí amañando os papeis, e pagando relixiosamente
(non me pareceu moito, por iso non cheguei a dicir pecados, nin
sequera veniais). Feliz, con coche novo e todas as luces a punto,
recén saídas da fábrica, agardei o meu turno.
Case unha hora
despois, seguía agardando. E coma min unha chea de persoas que
ateigaban as instalacións e o aparcamento, sen que ninguén se movese, nin dese un chío. Nin unha soa protesta. Calculo que ao que máis e ao que menos
debíalle andar na cabeza que protestarlle a un que, pouco despois,
debería darlle o visto bo, non era de moi espelido. Pasadas as comprobacións pertinentes e á vista do magnífico funcionamento de tódalas luces do enganche, déronme unha certificación provisonal dicindo que xa me avisarían para a recollida da documentación. Ese día volvín moi tarde para a casa, pero o que máis me preocupaba era pensar que inda o asunto non estaba totalmente rematado.
Hoxe, pola mañá, avisáronme para que fose a recoller os papeis cando o desexase. Por se acaso, dilixente, ao mediodía estaba eu alí.
Por certo, o día da revisión, cando por fin todo recobrou a normalidade soubemos que,
por un fallo eléctrico, había unhas luces que non ían e impedían
que as máquinas cumprisen coas súas análises. Sempre as luces.
Envolven as esperas
as paciencias
así como a color se
garda en néboa,
inútil de liviá,
pero amistosa
entrando en cada
porta sen chamar.
A calma xa se
impregna de inacción
na ausencia deses
cambios que non hai
Contáxiase así
aire dos pulmóns
e pesa máis a vista
no ollar.
O cadro vese cal de
mal pintor
inmóbil na quietude
dominante,
tristeiro por contar
con tanto frío
parado a devorar a
tarde en si.
De irse o horizonte
ao verse gris,
de haber, pois,
menos luz da necesaria,
(o instante no que
todo ten seu fin)
serán só as
presenzas do recordo,
ou noites, as que
inunden a emoción.
.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário