domingo, 20 de julho de 2014

Aniversarios

Todo depende dos ollos con que miramos.


20 de xullo de 2014
Un día feliz.

Domingo, sol, temperatura agradable, comida con xente querida, conversa do feo que vemos o mundo e das  escasas ilusións que nos promete. Paseo pola horta e retirada prudente ao silencio informático.

20 de xullo de 1959
Un día singular.

Elixen en Ceilán a unha muller como Xefe do Goberno. É a primeira vez que o mundo pode contemplar a elección  dunha muller para dirixir un país.
En Suíza tardarán aínda unha ducia de anos en aprobar o sufraxio feminino.
Nalgunha nación  árabe nin hoxe poden votar as mulleres.

20 de xullo de 1933
Un día para esquecer.

No Vaticano asínase o Concordato do Reich, polo que os curas e bispos deben xurar (por Deus) fidelidade ao goberno alemán, ademais de rezar pola prosperidade do Reich. O cardeal asinante será despois coñecido como Pío XII.
Na prensa española non se fala moito do cura dos Jerónimos de Madrid que, polas súas homilías, mesmamente semella vivir seguindo as leis dese concordato.



Pouco recordo da chegada do home á Lúa. Foi tamén outro vinte de xullo. Hai uns días  lin en algures que foi unha pena que non chegasen ao satélite moitísimos máis americanos aínda, e que quedasen todos alí. É posible que non nos fose peor.











Sentado onde agora estou
decátome afortunado:
o campo aberto ante min
e por un teito abrigado.


Se miro pola ventá
ou se os ollos van á porta
as colores que se observan
din a beleza da horta.


Que máis dá de ver verán
ou de vivir en outono,
se dos amores queridos
sempre seremos os donos.


As emocións de fixarnos,
a de non sentirnos cegos
ao ver nacer  unha flor,
madurecer  un pexego...


Mesmo se miramos sombras
veremos como han cambiar,
e todo canto escurece
terá sol para brillar.


Mentres se vive o inverno,
agárdase a primavera,
mais conseguindo calor
non ha de ser longa a espera.


Da terra formamos parte
e as raíces nela están.
Se a pisamos ou a ollamos,
estamos da nai da man.














.








Sem comentários:

Enviar um comentário