Todas as épocas do ano teñen algo que as fai especiais. O outono tamén. Por un lado esas cores que pintan a paisaxe dunha maneira fascinante. Por outro, a perda brusca das calores estivais ou, en casos, a chegada anticipada do inverno.
Estes días andamos por aquí ocupados por unha cicloxénese máis. Os temporais de antes que agora dan traballo para os meteorólogos e que fan con nós o mesmo de sempre: obrigarnos a buscar o acomodo da casa, a conversa tranquila e o café quente. E aínda así, de verse o sol, saímos fóra. Incluso os días algo máis ventados apetece saír.
Ao pé da casa teño un par de nogueiras. Son ábores xa grandes, fermosas ata pola sombra que dan no verán, e agradables para sentarse debaixo e, desfrutando das letras, deixar correr o tempo. Ás veces, con sorte, claro, pódense oír cucar as noces ao remate do verán; os chasquidos, os ruídos pequenos que recordan a como rompe a madeira cando se queima, ruídos curtos, rápidos, secos. Con fortuna, ata poden darse varios simultáneos, como se a árbore estivese dándolle á lingua indiscretamente por entre o frescor das súas follas. Agora, con temporal, as nogueiras tamén me chaman a atención: sacudidas sen esforzo por Eolo, deixan caer os seus froitos para que se agachen entre a herba. E eu, con guantes, iso si, recólloas ata que sinto a molladura da nogalina na pel e sei que, unha vez máis, hanme quedar para varios días as marcas de que andei ás noces.
Coma ladrón descoidado que non se para nas pegadas que lle deixan os seus actos!
O tempo que decorre nas Escadas,
a vida que se dá como agasallo...
.
O tempo que decorre nas Escadas,
a vida que se dá como agasallo...
.
Fermoso, como se estivese aí mesmiño apañando noces eu tamén (con guantes!). Mirando ben entre a herba, non vaia esquecer algunha.
ResponderEliminarE que gusto cando van enchendo a cesta!
ResponderEliminar