Este ano non fixen viño. A colleita de uva foi mala: pouca, con uvas verdes polo medio, cangalleira e medio encinsada. Limiteime a facer mosto a primeiros de outubro e a repartilo cos amigos. Estaba doce e daba mesmo a sensación de que era bo. Pero aí acabou todo. Os merlos e as galiñas foron, e van, dando conta do resto das uvas aproveitables. De todas maneiras viño teño, porque hai unha bodega preto da casa que tamén vende a particulares, así que de cando en vez achégome por alí e boto unha parrafada ademais de mercar unhas botellas dalgún dos que eles me recomendan.
A comodidade de agora e a bondade dos viños comprados non me enchen de todo. Boto en falla os gozos que me proporcionaban os trasegos do viño, ou mesmo o entretido de toda a súa manipulación, desde vendimar ata encasar ou, chegado o día de hoxe, ir dándolle aos bandóns con coidado para apretar ben a madeira. Que non fose bo viño o de despois, compensábase por esa chea de colores e olores de cada un dos pasos. Menos mal que están tan recentes que podo agardar un pouco, soñando coa posibilidade de que o setembro que vén as expectativas sexan doutra maneira.
Pero ben, como viño haino, aínda que eu non o fixera, e cunha copa del na man, brindo polo día e por todos os que o celebran:
-Moita saúde!
A copa na que bebo segue chea
froito do amor que a min me guía
en tempos desfrutados de alegría
desde o corazón a cada vea.
A copa compartida é galano
amores a gozar en compañía
soñando coa ilusión e a utopía
da sorte no querer en cada ano.
A copa é oferta xenerosa
á sede acendida pola vida.
É copa a alzarse decidida
en brinde pola hora venturosa.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário