sábado, 17 de janeiro de 2015

Fealdade




Un fillo non se ri da fealdade da súa nai.

Este dito africano ándame na cabeza desde hai uns días. Non sei como é pero doulle voltas a Galicia, nai e señora, e a isto da afirmación africana, e algo non me encaixa. 

A fealdade perséguenos, e a Galicia, máis. Pola nosa zona é a fealdade industrial improdutiva, que non xenera riqueza, non posibilita futuro, nin dá vida presente; mais afea, subliñando as desfeitas humanas nunha paraxe que garda pouco do que foi.

Fealdade haina asimesmo na prensa local, e faise máis intensa cando nos recorda a cantidade de traballadores en paro que se suman a diario ás persoas que non teñen memoria do que foi, hai tanto tempo, o seu último emprego. 

Si, ás veces vese bonito; albíscase unha luz de esperanza achegada en forma de promesa electoral de traballo, mínimo, si, pero traballo, para as contadas industrias que non botaron o cerrollo. Un flotel, un barco, un xenerador… o que sexa, ata unha chalana se acepta. Desexamos que continúe a fealdade e que ademais se saiba por que é necesaria e nos convén. 

Zona fea, vale; pero atractiva. E para atraer, por aquí nada nos atrae máis que o traballo.

Ao final o riso. Rímonos porque non queda outra. Ao mellor nós tamén somos gaivotas, e, rindo, somos choronas coma elas.

E nesas ando eu. Hoxe souben que hai  retraso e non será posible  cumprir os prazos de fabricación dese mísero flotel. Non o daremos acabado en tempo e iso que parte dos bloques  leváronos para facer en Puerto Real. E a culpa non se sabe de quen é. 


Así, por entre as bágoas (que supoño que me virán coa risa) o único que alcanzo a ver é unha Galicia fea.










Unha certa sensación de indiferencia
Un todo vale igual
Sen escoller
Abonda que saibamos o que hai
E non hai máis.

O resto son detalles tan pequenos
Coma manchas que ninguén tén que limpar.

Se acaso unha mirada
talvez un movemento sen control

sexa estar vivo.


























.

2 comentários:

  1. Es una satisfacción leer tus reflexiones, y una delicia disfrutar de tus poemas.
    Un abrazo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Non me queda outra que agradecerche o que dis. E se vises o sorriso de satisfacción que me queda...! Grazas, grazas!

      Eliminar