Nomes. Persoas que levamos con nós de forma máis liviá, como se os
puidésemos condensar nas letras que os pechan. A min, que me gustan
as palabras, sempre me pareceu que os nomes teñen unha moi profunda razón de ser, algo que os define de maneira que ningunha outra letra podería estar no lugar das súas, e ata me daban esas certezas que un tén, mesmo coma os visionarios, de que as sonoridades que en nós provocaban,
incluso cando só os estabamos a pensar, sen ousar darlles os sons
que a eles correspondían, esas sonoridades posibles, non eran outra
cousa que a materialización lingüística das calidades que as
persoas portadoras atesouraban.
Xa de neno, aló na aldea, e cando os
nomes eran substituídos polos alcumes propios ou familiares, pasaba
exactamente igual. O alcume, o mal nome, non tería sido posible
cambialo por ningún outro tan acaído. Confeso que ata memoricei moitos deles para non esquecelos, sentíndoos exemplos perfectamente logrados do noso
imaxinario cultural.
As terras, os homes, os nomes. Somos distintos, ben diferentes. Coñecín estes días un rapaz que veu de
Centroamérica. Chámase Santiago, e aí, no seu Santiago, nós temos o noso pasado
transoceánico; por segundo nome, Aisber. Non lle preguntei apelidos, para que? Só co nome tantas diferenzas! Aisber, sen acento gráfico pero con forza en “ais”. Non sei; nada que ver. Como lle dicía un amigo ao pobre Santiago Aisber, “non o digas todo, ho!; di só
Santiago, que se dis Santiago Aisber, óese moi feo, se case parece o nome
dun ladrón”.
Pero, claro, é a idea que nos facemos dos nomes. Hoxe é san Simón,
vinte e oito de outubro. E un Simón neno dicíalle a súa nai, aló
de pequeno, “como me hei chamar cando sexa maior?”, “cando
sexas maior?, non che gusta o nome que tés?”, “si que me gusta!
Pero Simón é un nome de neno, non?”
Apenas foi un nome
instante breve na conversa
e tanta nitidez
no eco dun murmurio
que se vai.
Despertan as lembranzas necesarias
saber de onde vimos
quen fomos
cando amamos
que nos demos...
Sentímonos nun nome
e vén a vida
mesturándose en presente.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário