Profundando
coma o outro. A reflexión profunda, como tén que ser. Nós non
facemos autocrítica. Para que? A política só pode facerse
politicamente correcta. Non se move nada nun país que tén como
última necesidade a autoinmolación. Vaise ao martirio para
conservar a virxindade, a pureza. Os ideais non se poden manchar e un
ha renunciar antes á vida que aos sinais de identidade. El honor es
patrimonio del alma, y el alma sólo es de Dios; traxicómico, si,
pero porque isto é puro teatro; e tamén é de seminaristas que
teñen falado de máis de alma, de honra, de Deus.
Faise dificilísimo
entender que todos os nosos referentes como país teñan que
retrotraerse a tempos pasados. Seguimos botando os ollos atrás e
apostando por un mundo idílico e rural, fermoso e amable, coa terra
como parte de todos nós, como matria, seica. Iso é o que ilusiona,
o que conmove. E as nosas raíces ancoradas nela tan profundamente
que separarnos, movernos ou simplemente andar, significa romper co
Edén e dar comezo inmediato ao laio da saudade, da morriña, da dor
da perda insuperable e ao nacemento do soño do regreso. E agora xa
non hai volta.
Por moito feísmo que vexamos, por moita mala
industria espallada nos lugares máis insospeitados, deberiamos
deixar de buscar quen fomos e pensar quen queremos ser, e como o imos
conseguir. Futuro, vida, adaptación aos tempos ou simplemente
supervivencia. Primeiro comamos para garantir que sobrevivimos, e
cando xa non teñamos fame, se se dá o caso, empecemos a pensar nos
nosos deuses, mesmo ata nos deuses pasados. E inda poderán profundar
todos os que o desexen. E se para entón volvemos precisar heroes e
fillos e fillas da nosa matria, a por eles!
Namentres, a comer e a
calar humildes, por se despois, de casualidade, se pode empezar a
deixar de chorar.
Crenzas
¿Que chuvia cae do ceo conmovida
a prestar as frescuras agardadas,
tan suave no momento da caída,
e tan tenaz nas horas empregadas?
¿Que lágrima ha saír da despedida
mollándonos as almas derramadas
en amores de idea perseguida
con dores para vidas rematadas?
¿Que chuvia é a que lava o acabado
con bágoas de cariño magoado?
.
Sem comentários:
Enviar um comentário