A
primavera galega déixanos ir gozando amodo da chegada do bo tempo.
Nada de sorpresa. Verde de auga, fresco de chaqueta, alegría de
flores e celebración, discreta, nos concertos de paxariños
variados. Deixarse ir, permitir que os sentidos viaxen na procura do
que nos envolve, proporciona un certo xeito de felicidade na que
condensamos os nosos soños.
Chega a luz, saímos da casa ou deixamos
que nela entren; e aí, nesa luminosidade apacible, decatámonos, por
fortuna, de que nós tamén somos natureza.
Para recibir na entrada,
da porta postas na beira
teño as flores dun xasmín
mesturadas con roseira.
O xasmín pinta de branco
o rosa que as rosas teñen,
xúntanse verdes con verdes
e os arrecendos sorprenden.
Doutro lado a madreselva
corre feliz e contenta
regalando os amarelos
entre as follas cor de menta.
O colorido das flores
convida a un a pasar.
Así de ben recibido
quen se poderá negar!
.
Sem comentários:
Enviar um comentário