Queremos
aos fillos porque son sangue do noso sangue ou cultura dos nosos
valores. Querémolos polo que son. Froitos que imos recollendo a
diario, que vemos madurar e que nos proporcionan placeres non
pedidos. Que nos dan a satisfacción das miradas que rebordan
cariño, ou o agarimo das frases nas que notamos a entoación da
preocupación e o interese polos problemas que lles agachamos,
felices na procura de evitar o sufrimiento innecesario. Sabelos
nosos, notar, mesmo nas palabras que non dicimos, os aires que varían
o seu ánimo, é sentir a necesidade, a urxencia, de darlles un
abrazo, un bico, un regalo... Ou simplemente ese silencio que eles saben
que leva sempre unha parte dos sentimentos cos que se nos move a
diario o corazón.
Dicía
Conrad que vivimos igual que soñamos: sós. Pero non, por suposto
que non!
Eu poño o soño en ti e seite
así
real
limpando coa palabra todo espanto
nos ocos de alegría conseguidos
por instantes que se poden revivir.
O gozo cambia o gusto
i é sentirte
i é acollerse nos sons máis desexados
i é perder
na evolución
a parte do que non se quere ser.
E lonxe do silencio máis escuro,
nos días que queremos celebrar
vén a compaña
vén a luz,
e vén calor
e vén así tamén tanto que dás!
.
Sem comentários:
Enviar um comentário