Cumprir anos é unha actividade compartida. Celebramos sempre o pasado pero poñemos a ollada no futuro, e facemos que o agora sexa o máis longo posible. Un canto ao tempo, un culto merecido á maior riqueza que os humanos desexamos posuír. Se no camiño afotunado contamos as nosas horas de vida desde a largura dos días de verán, as celebracións fanse aínda maiores. E nós somos todos de verán, desde eses días que queren rematar a primavera e gozar directamente do sol, ata eses outros de setembro, capaces de desfrutar do que quede, sen pensar nun outono que vén con présa.
E tócanos xuño, o catro, para a brinde en alto e a fe na promesa dun ano que se abre coma unha aventura prometedora e necesaria! Moitas felicidades! Moitos parabéns!! Moita saúde!!!
Loce o sol
Un sol distinto
O espazo vese igual
Case infinito
O canto dos paxaros
Tenros trinos nas revoltas que dá o aire
Febles ecos de marmurios doutras tardes.
A mesa é grande e sempre hai sitio
Lugares ocupados por imaxes
Goces dos instantes máis vividos.
Que agora luza o sol
Para o recordo
Que a brisa marque os brillos e dea cores
Que o eco traia as voces presentidas
Que logo recomence a primavera...
O amplo do sorriso
O breve raio
O cálido da luz
O agarimo
A vista evocadora dunha risa
Loce o sol.
Un sol distinto.
E voan garimosas as lembranzas.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário