Ando
metido de cabeza nun setembro diferente. Non é que crea que todos os
meses son iguais, pero este setembro é realmente diferente. Está a
ser tempo de parar, de pousar a maleta e botar a ollada á memoria, de
deterse en mil detalles case esquecidos e de sorrirlle a algúns dos
pensamentos que veñen.
Vénme
á cabeza o setembro do oitenta e sete, neste mesmo tempo, coa
felicidade de entón e coa sensación de que xa todo andaba no seu
sitio. Días rápidos de voces novas e ilusións nacidas que me deron
escusa para celebrar o mes ano a ano
Seica
a memoria vai sempre asociada á unha lonxanía que subxace en nós,
e que, ao igual que nos separa, sabe moi ben unirnos, nun deses
misterios da natureza tan inexplicable coma o que permite que na
mirada, nunha simple mirada, sexamos quen de atopar a emoción. Ata
pechando os ollos para ver mellor ao lonxe.
Os anos son fragmentos
son anacos de memoria
tan precisa coma esquiva
por traernos á medida
a emoción desa ledicia
que nun tempo deu calor.
Traen o tempo
e traen no pouso
o remedo do que fomos
mesturado xa nun cerne
que perdura
atrapado no recordo,
tantas veces revivido
por seguirmos,
cada día,
sendo nós.
Que siga así a area na caída,
verquida pouco a pouco con acougo
grao
a
grao
en montañas de segundos
celebrados
Sem comentários:
Enviar um comentário