sexta-feira, 8 de março de 2013

Muller








 Día internacional da muller. Estamos no século XXI e debemos aínda celebrar este día por moito que nos doa. A historia das mulleres,  coas penurias que seguen a soportar, independentemente do lugar do mundo do que se trate, precisa deste tipo de lembranzas, de xornadas de concienciación, de actos de reivindicación nos que se faga visible que todos somos iguais. E vemos como, por desgraza, os avances que se poden acadar en longos períodos de tempo corren o risco de desaparecer de inmediato polas decisións políticas dos gobernantes de turno.

E, por se aínda non fose abondo, en ocasións son as propias mulleres as que lle fan un fraco favor á igualdade.







Amaba aquelas mans
que tiñan frío
e sei de verlles sangue nas feridas.
A pel case cocida nas calores,
cristal que se rompía,
sen un laio.


Amaba o pelo crecho,
recollido
por darlle espazo á cara moi aberta
e o seu franco sorriso protector,
limpa a súa mirada tan azul.


E vinlle os pés moi fríos
e mollados,
de camiños
e de ríos de lavar.


Amaba, feliz, os bicos apretados,
regalados a diario sen reparo;
(tristes outros,
moi salgados,
que lágrimas deixaban ao final!)


Amaba a risa cómplice e privada
en canto se supuña persoal.
Desexos de se dar por mellorar.


Amaba canto  quixo e canto a quixen
na casa que gardou por sempre aberta.

















.


Sem comentários:

Enviar um comentário