Contáronme unha vez que os protestantes deben levar unha vida pura,
limpa, sen nada que ocultar e que non sexa nunca reprobable. Que valla para ver. De aí que, se seguen isto ao pé da letra, poidan rematar
aforrando en cortinas e persianas que non precisan, a pesar de faceren grandes ventás nas súas casas, imprescindibles como son en terras de pouca luz. Os que chegan aos países do
norte botan a faltar estes adobíos do fogar, e séntense case
desnudos sobre todo cando veñen as noites. Desde fóra todo se ve.
Non hai secretos e a vida amósase a calquera que a queira mirar.
Mais, non sei se tamén por coincidir que son países fríos de invernos
longos, poucos se paran na rúa no medio da noite a chusmar. Así
case non teñen voyeurs de xeito. Todo o máis algún turista
importado do sur que anda a buscar neses fogares alleos a vida da que
el carece.
CONFESIÓN:
Vendo e lendo comentarios e opinións nas redes sociais, que se
parecen a esas casas desvestidas do norte, un bota de menos unhas
cortinas, grosas, a ser posible, para tapar moito do que se ensina.
Desbordan as
mentiras que contamos
o límite real das
invencións
historias precedidas
de emocións
que amargan este
mundo que habitamos.
Soñar será o
escape, ou a saída
o xeito doutra forma
de vivir
creada coa razón
que dá mentir
tratando de evitar
dor e ferida
Consellos con axuda
non pedida
desculpa figurada,
por dicir,
desexo, quizais,
máis que de ir.
Procura desa terra
prometida:
finxir quedar e así
poder fuxir
daquilo que inda hoxe está por vir.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário