quinta-feira, 15 de maio de 2014

Iguais



Iguais.


Non, así a todo  non son o mesmo.

Estes días andamos xa metidos de cheo nas eleccións ao parlamento europeo. Non é preciso que atendamos  nin busquemos para que a propaganda electoral nos chegue. Chega e sobra. De cando en vez mesmo os políticos veñen á conversa, A liberdade de expresión que non sempre vale.por máis que sexa unha relaxada conversa con amigos na que tentamos evitar a política, polo que poida pasar, ben por non discutir, ben por non acabar máis tristes e  innecesariamente derrotados. Neses casos non é infrecuente que alguén remate por dicir “total, todos son o mesmo”. A decepción que estes tempos nos proporcionan, o desleixo que sabemos propio de moitos dos que nos gobernan, a impunidade coa que se resolven as ilegalidades ou a dureza da lei cos desfavorecidos, pode a levarnos a pensar que si, que son todos iguais, e que só os diferencian os graos de poder que detentan. Unicamente.

Mais, e inda así, en días coma este nos que nos paramos a escoitar a radio ou lemos un pouco os titulares de prensa, temos que dicir que non. Non son todos o mesmo, porque isto non son capaces de facelo  todos:
-posiblemente para solucionar o problema que supón a violencia de xénero o presidente de goberno fai unhas declaracións institucionais o día da familia (día importante onde os haxa, que lle devolve a fala a un presidente tradicionalmente mudo). 
-o PP non sempre quere saber, nin tan siquera escoitar a persoas que falan dos seus fillos, a pesar de celebrarlles as festas ás familias.
-o ministerio do interior quere perseguir en twitter aos que molesten con comentarios. Non a todos, se os comentarios van sobre as vítimas franquistas, non pasa nada. E a ninguén preocupan as portadas falaces dalgúns medios de comunicación.
-o bispo de Alcalá di en homilía televisada que a homosexualidade acaba por levar aos nenos á prostitución, e dous anos despois, a Audiencia limita todo ao dereito á liberdade de expresión. Aquí si vale.



Como o día vinte e catro hai fútbol, e nada menos que a final da copa de Europa, aínda que non votemos o vinte e cinco para decidir quen nos vai gobernar (agora que sabemos que os de aquí deben facer o que mandan os de alí),  igual seremos nós, todos, os campións, todos os mellores, todos gañadores como corresponde coa "Marca España". E a vida  irá ben, porque en realidade as cousas son así, e todos facemos o que se debe facer. 

O problema sería que non fosen todos iguais. Pero sono, claro...

Ou non? 

Mira que se non o son e volven  saír os mesmos, e nós na casa. Acabarían por dicirnos iso de que temos o que merecemos. Só o que merecemos. 















Palabras


Mortais,
tal como somos,
na procura da excelencia,
da emoción,
mesturamos o sublime coa razón,
ilusión
nos instantes máis mesquiños.




Erguerémonos,
despois,
mais sen axudas,
náufragos perdidos nun océano.




O ceo sobre nós non é unha guía.
Habemos conmover algunha estrela?















.

2 comentários:

  1. Estaba farto de escoitar ese mantra..."todos son iguais"!.
    Moitas grazas por facilitarnos argumentos..., diante da súa manipulación, prepotencia, intolerancia....
    Marabillosos versos !....Curtos , potentes, diáfanos...e, o tempo, esa
    vértixe cósmica, transcencental...
    Parabéns !

    ResponderEliminar
  2. Non precisamos argumentos, por desgraza esta lección témola aprendida de hai anos.
    En realidade molesta, sobre todo, que se siga a repetir.
    Grazas polos parabéns! Moitas!

    ResponderEliminar