sexta-feira, 27 de novembro de 2015

Kant

Kant non é necesario, e hoxe en día, menos. Moi pouco do que sabemos é preciso para unha sociedade de emprendedores coma esta na que estamos inmersos.

Iglesias e Rivera andan a falar na universidade de política, e internet escandalízase de que un lle cambie a Kant a Crítica pola Ética (que, ao fin tampouco é un mal cambio, co necesitados que todos andamos de ética para os nosos políticos) e de que o outro diga ter ao filósofo como referente (que virá sendo iso de referente?, só a referencia de a onde non ir ou do que non facer?), a pesar de que non sabe citar un título lido e por máis que en realidade non fose necesario que o tivese lido, pois só se precisaba que se lembrase, así, de memoria, dun único título, como cando no exame de instituto se lles pregunta aos alumnos aplicados sobre escritores e obras para controlar o que saben de literatura (ou de filosofía).
Non sei, Rajoy, que se ve que tén máis memoria (xa o demostrou aprobando as oposicións de notario á primeira), si que sabe: cando os documentados da COPE o levaron para que nos falase de fútbol, citou a Kovalenko case coma quen non quere a cousa. A Kovalenko, que é ben máis difícil de pronunciar, palabra moi longa e con dous k, para que digan que se traba e cecea. Nadiña. Sempre e cando se fale do seu, iso si. Lóxico, nun país que segue a ter o MARCA como diario máis lido.
De Snchz pouco sabemos, porque, desde que perdeu as vogais, anda demasiado atarefado entre os Sálvame, Hormiguero, Ana Rosa ou tendo que facer zumes para repoñerse das partidas de ping ping con Bertín. Menos mal que agora xa non ter que dar clases na universidade!

Hai algúns por aí dicindo que quen sabe de Kant, e de moitas outras cousas, é un tal Alberto Garzón; pero, por iso mesmo, por saber demais, non tén sitio nos debates universitarios.



 O resto dos políticos do estado, seica, xa nin siquera xoga nesta liga de primeira división. Con sorte, a algúns conservaranos en rexionais, se é que non os descenden de categoría. 







Palabras que dicimos polo son
co medo que agochan os silencios
no terror que confundirá o vivir
deixando ver esperto só ao sol.

As horas son os días
son as queixas
ai amor
e como  preocupa cada instante
nace en desconsolo
e así embarga
e o todo é case un
destino e fin  que se prefire.

Sufrir  así por ver
non por falar
sabendo das palabras
imposibles.

Dolores  que  se cravan aló dentro
tan profundo
que lastiman xa cando se pensan.























.

Sem comentários:

Enviar um comentário