Nunha destas conversas virtuais que nin conversas son, poñíanme aquel verso de que “nuestras vidas son los ríos…” e a min veume á cabeza, polo efecto ese de contaxio que teñen as cousas, outra parte do poema na que teño reparado máis dunha vez “…cómo, a nuestro parecer// cualquier tiempo pasado// fue mejor.”
Nunca o crin, nin hoxe o creo.
A nosa evolución, o noso camiño, as necesidades diarias que nos levan, aínda que non sexa máis que por curiosidade, a actuar de modos imprevistos, a non repetir o pasado, por vello, por caduco, por demasiado experimentado ou mesmo por excesivamente imposto, proporciónanos o pracer do descubrimento, o goce do descoñecido ou a satisfacción da conquista. Que polo medio obteñamos algún que outro erro, non deixa de ser un aliciente máis para esa grande novidade que debe ser o futuro.
Vén todo isto a conto dun escrito que lin hai media hora, e no que se evocaba o erotismo que rodeaba as relacións da xuventude, e a perda del nos tempos actuais. Xusto como ameazaba o poeta. Pero non, eu non podo concordar con esa perda da pulsión erótica dos nosos adolescentes. Máis ben aseguro esa ausencia nas persoas que hai anos foron adolescentes e hoxe, e neles, o erotismo transformouse nun recordo vago e difuso, tan diluído que pode acabar transmutado en calquera outra sensación que, coa perda de vista que regalan, os anos levan a tomar por erotismo. Curiosamente, ese erotismo que eles ven perdido, aparéceselles claro e explícito en "Un día de campo", película de Renoir que resiste, casualmente, ben peor o paso do tempo que o relato de Maupassant no que se basea.
Non. O poeta debería estar errado, porque, ao meu humilde parecer, cada tempo por vivir ha ser mellor.
O círculo da historia que nos leva
por veces tén parada afortunada
detense
e hai foto fixa
imaxes de certeza creadora
cambiando paisaxes do disgusto.
Subidos xa no círculo outravolta
as escenas recupéranse de antigas
sen paradas,
non,
non é ese o tempo
onde nada se recorda no cambiado.
O círculo avanza indiferente
con outros a pararen na fortuna;
enténdese por fin o que aquí somos
sabendo,
que máis dá!
onde nós imos.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário