sábado, 18 de junho de 2016

Excursión





Non son quen a sentirme espectador de todo canto me queda preto. Por máis que saiba que sobran opinións, ou que, como mínimo, nin sequera se me piden, non son quen a calar. Todo me debe un carto. Se é por buscarlle a parte positiva ao que me gusta, ou a negativa ao que en principio rexeitei, ou porque naquel momento pasaba por alí; sei que si, que sempre hei ter opinión.
Posiblemente sexan as présas que non teño, ou a concepción do tempo non urxente que estes últimos anos me acompaña, pero a verdade vén sendo que non me importa dedicarlle minutos á contemplación de feitos, e a tratar de tirar deles consecuencias e causas, segundo o humor ou a amizade que me guíen. Dá igual que sexa a observación dunha foto, a percepción fugaz dunha figura que se despraza dentro do noso campo de visión, os sons dunha conversa que non chegamos a comprender na súa totalidade, ou a sensación de movemento que nos trae mesmo a brisa que cambia de posición un papel do chan. Todo merece opinión e de todo se pode obter unha mínima aprendizaxe.
O último que caeu nas miñas mans neses tempos de desocupación foron as fotos dunha excursión escolar. Imaxes que retratan momentos inesquecibles, instantes únicos que, a pouco que se dilúa a historia que eles gravan, se farán míticos, aventureiros, valentes... Todas esas sensacións primeirizas que xa antes de térense producido nos deixaron sen durmir, levándonos ilusionados aos soños de ollos abertos. E a cámara captando que non, que foi tal e como nós desexamos e que o soño é o noso, non nolo cambiaron na tenda trapalleira da vida diaria.
Ao lado, xusto ao lado, outras caras, outros corpos, outras xentes... Son esas historias que xa empezan a coller o camiño de volta, que non desexan ir máis aló, porque aló nada cren que haxa que vaia merecer a pena, ou o esforzo. Case seguro que é preferible facer un mínimo eterno retorno e volver ao pasado por contaxio, á emulación do sorriso destemido, a tentar, coa alegría mellada xa, que a cara, a boca, os dentes, non traizoen, non digan esa verdade que as lentes de sol lle encarceran aos ollos. Mesmo tentaremos parecernos a nós mesmos, aos que fomos, a uns que lembramos (non pensamos neses intres que nos andamos inventando, non) e aos que lles daremos, nesa perna que levantamos cruzándoa, unha axuda xuvenil de pose para foto, e, de terzarse, para que haxa aí un movemento completo e desinhibido, faremos un exercicio de punta-punta-punta, esquecéndonos do desexo do talón de volver á súa posición formal.

Mentímoslles, pero elas non aprenden. Por iso as fotos non menten. Retrátannos de xeito inmisericorde facendo que a vista, con tanto e bo como hai que ver, vaia a nós, xusto ao que menos desexabamos que se vise. E somos así. E estamos no mundo. E sabémonos de volta, sen futuro e nun presente retocado. Sabémolo aí, nese punto, nesa foto. Nesa cara de neno brillante, nesa explosión de luz e agradecemento á vida, temos a certeza de que non a hai. Non hai volta.









Alegría, alegría!
Alegría!
Palabras a caer
Todo escenario
Aclamado silencio xestual
Coro preciso 
Máscara de actor
Eu personaxe.

Alegría, alegría!
Alegría…
Irreal situación
Obra incompleta.

Silencio a devorarnos alegría
Fuxida das palabras asustadas.

Medo
Mundo
Xordo mundo
A que desexar rir?
Sono profundo.

Lonxe o azafrán 
Fóra a alegría
Sentir que non se sente
Xuventude 
Lonxano ton vital
Mareas de tristeza na razón.

Alegría…





























2 comentários: