domingo, 20 de novembro de 2016

Teatro



      Estupefacto. Sorprendido aínda polo espectáculo teatral de onte en Narón. Fomos ver La Asamblea de las Mujeres; si, "esa versión" da comedia de Aristófanes.

      O teatro estaba ata a bandeira. Día de vento e chuvia e todo o aparcamento completo, coma nos días de gran gala. Nada importaba o frío nin a tarde desapracible. Chamábanos a Cultura (con maiúsculas) e aló iamos. Xa o mesmo coloso do Pazo da Cultura de Narón tén algo de clásico, ao mellor por esa monstruosa monumentalidade que dá á primeira vista, ou por esas columnas que non rematan nunca, ou por unhas escaleiras imposibles en número e en largo do paso; así que case se podía pensar en Mérida, onde se estreara esta obra con máis que notable éxito.

      Ao remate, os amigos e nós coincidimos en que, cando menos, sobráballe case todo o tempo (con media hora abondaba, ou con menos), e mesmo era tamén un exceso toda ela. Lembrou, máis que a outra cousa, ao carnaval de Cádiz, ás chirigotas, a iso de rir co chiste mal feito, ao abuso do procaz, e mesmo á risa do que non tén graza ningunha. Polo medio Sergio Pazos facendo de galego, co acentiño e iso, e tal e tal... Un esperpento, e aí si, no esperpento que nos deixaron, podía un lembrar a Valle Inclán para botalo moito de menos. Coma se ata o teatro se tivese que apropiar das máscaras da máis vulgar sociedade do século no que estamos a vivir para que o público entenda, atenda e acabe por rirse de si mesmo. Só por non chorar, porque, a´vista do que había, outra cousa non se podía facer. Pena de clásicos, pena de teatro, pena de cultura!
Conste que non nos queixamos, porque hai moitos anos xa que nos anda na cabeza o ir a Mérida a ver unha obra dos clásicos no marco do seu teatro de verán. De momento só o temos pensado, e agradecidos estamos de non ter ido a ver esta mesma no seu día: se en Narón foi o que foi, como tería sido ver esta evolución do pensamento teatral, este amaño descerebrado, cotilla e lerdo que Echanove, Ruibal e Lolita fixeron da obra de Aristófanes, como superalo, de velo nun escenario tan único que, mesmo cando está baleiro e acompañado polas súas ruínas, xa nos fai soñar co teatro?
      
       Non sei, pero ao mellor aí é onde a comedia que nos deixaron os gregos, non tén outra que transformarse na traxedia da nosa cultura actual. Galiana, Echanove, Lolita, Pedro Mari, Pastora... só falta Imanol para que todo quede entre unha panda de amigos que fan unha comparsa de entroido coa que saben que nos han seguir sacando os cartos. Que Lolita non cante, ata se entende vendo esta obra; pero que actúe en teatro, non, iso segue sendo imposible de entender.

      E os críticos teatrais? Ao seu, porque eu non cheguei a ler ningunha propaganda negativa da obra. E busquei, que quede claro.









Incómodo silencio compañeiro
Contraste doutras voces achegadas
Nos mundos que facemos convencidos
Do nada que mantemos en común.

Silencio necesario e oportuno
Esquivo das inútiles batallas
Mentir o que non somos 
Crer o que intentamos parecer.

As horas suman  anos sucesivos
A persoas de oficios repetidos

Onde se comparte a profesión?

Iguala todo a paga, cal salario
permisivo valor que dá o mediocre.

Sabémonos substancias diferentes
Apoiándonos  nun eu individual, 
Vulgar na diferenza, tan real  ...





















.




Sem comentários:

Enviar um comentário