A ociosidade dános, entre outras moi boas cousas, tempo suficiente para pararnos e vernos a nós mesmos desde fóra. E sorprendernos así. No meu caso a sorpresa non me deixou co ánimo mellorado, levoume máis ben a unha desazón inqueda, a verme como non desexaba, e a moverme para tentar cambiar (no posible).
É tempo de verán, de días longos e de traballos que tentamos deixar para mañá, para cando un non teña qué facer. Nun día deses, nos que semella sobrar algo, mesmo o aburrimento, decidín facer limpeza e revisión de obxectos gardados. Nunca tal fixera! Levo xa tres días enguedellado e non dou saído adiante. Só atopo cousas para tirar, múltiples obxectos inútiles de todo, se exceptuamos o seu servizo para demostrar que o de ser Dióxenes non é algo difícil. Acumulei, acumulo, enormes cantidades de material tan diverso coma obsoleto, por se algún día, máis adiante, alguén… Paquetes precintados e rotulados advertindo de contido, máquinaria estropeada empaquetada na súa caixa orixinal xa apodrecida, restos de madeiras ou ferrallas agrupadas en lotes manexables… Unha loucura! Convencido como estaba de non ser así, descubrirme palpablemente real cunha síndrome que non vía en min, deixoume atordado. Como se poden chegar a gardar con mimo máis de duascentas caixas de cds baleiras pensando que poderían ser reutilizadas noutro momento? Ou sensentidos aínda peores que non me atrevo a escribir, porque pensar neles fai que a cara se me arrubie de vergoña aínda máis.
E así, sen buscalo conscientemente, remátame de momento a celebrada ociosidade, pois vexo aquí unha semana de recoller para reciclar e levar ao lixo o noventa por cento de canto gardei (confórmome con conservar un dez por cento de como eu era antes, e non me parece pouco!). Por riba, acórdome que, de pequeno, os maiores falaban mal dos que “andaban con dioxenadas”; pero, evidentemente, a min levoume máis tempo do debido entender no seu sentido completo o que resultan ser as dioxenadas…
Queda do día a luz que reconforta
Descansan as brumas en manta de colores
Sabe o aire a seco de verán.
As manchas,
antes flores,
caen das paletas descoidadas
e abren os camiños do secaño.
Perviven os olores
arrecendos coñecidos nos espazos imposibles
inmóbiles de seu
no gris que non tén sombra.
É o estío
bico envolto nas calores de verán.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário