Coma
nunha película apocalíptica vemos hoxe o venres 13 de xullo do ano
de Rajoy and Cía. Recortes, rebaixas e impostos son a miseria que
se espalla para todos e que promete ir a máis. Non se ve luz no
final do túnel porque este burato non están a facelo cara adiante,
polo contrario, vai ao fondo, e aló nos veremos todos nunha horrible
estadía que nos vai resultar eterna.
Cando
se acaba isto? Cando se poden elixir outras persoas para nos
representaren? Ou, mellor, hai alguén elixible que poida ser mellor
e non traizoe tamén, coma todos, as novas promesas electorais?
Se
nos deixan, se nolo permiten porque non se decatan ao considerarnos
insignificantes, podemos comezar a queixarnos de ter un relativo
problema social, que afecta a tantas persoas que, con certeza,
moitas delas acabarán créndose as únicas culpables da situación
na que están, en certo xeito coma se estivesen a expiar unha culpa
que descoñecen. Os demais poden sentirse afortunados, e dar grazas a
deus e a ter un goberno como deus manda, que fai o que hai que facer
e lles permite seguir gozando duns privilexios que por caste e
condición lles pertencen.
Nestes
contextos, que Andrea Fabra cobre oitenta mil euros ao ano de dietas
de desprazamento para asistir ao Congreso, cando vive na urbanización
máis luxosa de Madrid, que a catedral de Santiago non bote de menos
uns millóns de euros ou que Carlos Dívar siga levando unha chea de
cartos polo seu traballo pode sorprender a alguén? Non. Coa
experiencia que imos adquirindo á forza, o que nos sorprende é que
non nos obriguen a pagar unha taxa pola pouca contaminación do aire
que respiramos.
Mirar
sen ver un mundo solidario,
Deixar
así que exista aquí pobreza,
Maior
canto máis grande é a riqueza:
Iniquidade
e usura a uso diario.
Rouban
cada soño, e así se perde.
Mercan,
mais non pagan, a conciencia
E
deixan para os pobres indixencia,
Total
indefensión. Un mundo inerme.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário