quinta-feira, 26 de julho de 2012

Sesta




Recuperado xa de excesos derivados de andar por Compostela estes días, volvo coller aire de rutina e alucino coa de cousas que sabe Jordi Hurtado. Sabe tanto, con tanta exactitude e precisión, que non queda máis remedio que ir abrindo a boca con admiración reverente. Ao pouco, segundo me contan, a boca ábrese un pouco máis e, porque o programa é longo e as cuestións variadísimas, aparece un doce sopor que deriva nunha respiración sosegada e uniforme ou, nos días de máis cansazo, coma o de hoxe, nun ronquido característico. En ámbolos casos o remate é similar: Jordi e Juanjo Cardenal, con Pilar Vázquez e os concursantes, vanse retirando en silencio e sen facer ruído algún, sen despedirse siquera, pero coa satisfacción que lles debe dar o recoñeceren o traballo ben feito.













Que lonxe van as musas deste tempo,
deixando por atrás o repetido,
sedúcenas poetas de vangarda
e préstanlles palabras de color.


Inventan cada día xeitos novos,
cal proa que nos ha fender o mar,
alquimistas de ritmos nas imaxes,
en fábricas de versos persoais.


Xa todo é poesía, se se sente,
as voces, as medidas que non hai,
son libres, como son que sae de dentro,
ou vougas. Cal memoria que se vai.












.

Sem comentários:

Enviar um comentário