terça-feira, 3 de julho de 2012

Picando






Nestes tempos de vida veloz eu busco frearlle un chisco o ritmo ás horas. Así, en días especiais, en comidas que quero facer diferentes, as miñas rutinas lévanme a inicialas picando algunha cousa que haxa á man, uns froitos secos, unhas patacas fritas ou, e iso xa supón excelencia, un pouco de queixo curado. O queixo é  un deses alimentos que, conforme os como, máis me convencen e máis  saboreo. Non son experto en nada, e nas cousas de picar tampouco, pero son curioso e a miña recompensa é descubrir de cando en vez características que antes non percibín ou ás que non lles prestei atención. Se son eu quen cociña, entre a música, que tamén acompaña, as tapas e o viño (tinto sempre, catado en pequenos grolos e nunca só), acabo tendo unha festa que case non precisaría da comida seguinte.













Cando gozamos do viño
bebendo da mesma copa
os teus labios de cristal
entréganse á miña boca.

Sendo viño compartido
bebido en pequeno grolo
convida a vivir o tempo
dese mesmo xeito: a modo.

O viño dános sabores
que lle sabemos ocultos
é terra, froitas, madeira,
mil aromas nun só punto.

Os mesmos aromas teus
de améndoa sen fondo amargo,
envolventes, xenerosos;
aromas lixeiros, francos...

Sen xa nada que ocultar
desde a caída na copa
amor completo en matices
a desangrarse na boca.

Alí milagre interior
na calor que lle dá ao corpo
cando goza do sabor
de sentirse parte doutro.












.

Sem comentários:

Enviar um comentário