domingo, 9 de setembro de 2012

As Peras





Sólo te pido, sólo te pido
que me dejes tres días al año:
san miguel de breamo y el río...



A xente bailando polas rúas e sen lembrar a hora de comer. O día oito de setembro as virtudes xúntanse todas en Pontedeume para que a vila acade o concepto de festa elevado a súa máxima expresión. A pesar de que desde as once da mañá deixa de haber aparcamentos en calquera das rúas do pobo, e de que os visitantes saben da necesidade de aparcar en Cabanas e gozar do paseo pola ponte ou de facer o mesmo pola beira do río, desde Esteiro, os vehículos non deixan de aparecer incesantemente. Bares cheos, terrazas ateigadas de persoas que conversan no medio de saúdos aos paseantes, caras que denotan unha tranquila felicidade e unha necesidade de pasalo ben innegociable, mil risas por un lado e outro.  Ese é o patrón.

A cucaña agarda polos ousados atletas a que lle quiten a bandeira e que a enchan de sebo, antes de esquecela sen máis durante un ano completo. Se de diario é fermosa, hoxe, coas galas dos barcos e, sobre todo, dos navegantes privilexiados que rodean a lancha principal, a ría non desmerece das fotos das revistas de viaxes que nos amosan lugares aos que, sen dubidalo un instante, nos apuntariamos a visitar algún día. Quen remate levando os premios de coller o pau co pano verde dános o mesmo. Todos os espectadores gañamos experiencias irrepetibles que entraron pola retina e han quedar dándonos compaña por moito tempo. Eso si, con temperaturas coma as destas datas, envexando  o fresco  chapuzón nas  apetecibles augas do río.

Que a queima do Galán sexa un completo desastre, non é senón remarcar o carácter propio e exclusivo da festa eumesa. Que mérito sería que todo resultase común pola súa esperada perfección? Aquí non é o caso. Podemos protexernos por se algún petardo se desvía e trata de pillarnos, ou mesmo por se a cabeza sae disparada cara ao alto ameazando por caer descontrolada sobre calquera dos miróns. Na queima do Galán, un necesariamente debe deixarlle sitio ás sorpresas.

O punto final son os mómaros de volta á Casa do Concello, á súa casa. O baile, as danzas, o moroñó en estado puro trasladándose por contaxio sonoro e visual a todos os actuantes, aquí nunca espectadores, igualándoos sen ter en conta se son cabezudos, vellos, mozas ou barrigudos cincuentóns: se os mómaros andan, a xente anda, se bailan, o mesmo, e se, tal e como aconteceu este ano, deciden axeonllarse, todos na praza se axeonllan ao seu redor, ata os gaiteiros que os acompañan.

Ir á festa das Peras, ir a Pontedeume nestes días de setembro é adquirir un conxunto de recordos que ningún outro lugar do mundo podería proporcionar. Pero estou convencido que, virtuosos como son, non se quedarán cos tres días que piden, seguro que lles conceden máis. Entre outros,  o das virtudes.




















Non sei se sumo ao revés,

esteas ou non comigo

a suma sempre dá tres...









.

2 comentários:

  1. Fai tempo que non che escribo nada.Hoxe despois de tempo(tamen)sin coller a caixa ésta do ordeador,pasei a darche unha visita,!alegracheme o dia!Gustame este articulo!.Para min ese dia das Virtudes é o dia grande,este ano non puiden disfrutalo como sempre o fago(tal como ti contas)pero lendo estas palabras tuas disfrutéino.!Gracias Antón!UN BIQUIÑO GRANDE

    ResponderEliminar
  2. Graciñas a ti polas palabras que me dis. Non sei como fas pero sempre remato con cara de de felicidade e un sorriso que non se me dá borrado. Moitos bicos!

    ResponderEliminar