quinta-feira, 13 de setembro de 2012

Lesula








Onte lin noticias que falaban do descubrimento dunha nova especie de mono, aló polo Congo. Os que non sabían del eran os científicos do mundo desenvolvido, porque os habitantes da zona si que o coñecían. De feito era (é) un dos alimentos constitutivos da súa dieta habitual. O mono, ao que lle chaman lesula por alí, por mais que os científicos digan que é Cercopithecus lomamiensis, é pequeno e fruxívoro, como corresponde a un habitante da selva ecuatorial e, segundo di o artigo, é sociable, tímido, tranquilo e fuxidío. Vaia, que o mesmo que che digo unha cousa, tamén che digo outra.
Os descubridores andan preocupados, pois temen que se extinga se seguen a ser cazados polos indíxenas, polo que solicitan protección para evitar o declive acelerado que sofren as súas poboacións (curioso que coñezan este declive cando non coñecían ao lesula ata hai dous días).
Eu, escéptico como son, temo máis o dano que lles pode causar a publicidade que acaban de gañar, e vendo a foto do periódico, case compadezo xa a uns seres que son capaces de mirar así, con eses ollos.


E como vai de animais, lembreime dos búfalos americanos, que tamén eran alimento dos indios, por máis que o perigo para eles acabárono sendo os colonos coma Búfalo Bill. E seino porque hai anos eu pasábao moi ben lendo novelas do Oeste que me explicaban esas cousas.
















Houbo un Portocarral porto romano
e alí nesas larguras houbo un rancho,
un porto en que bañar as emocións,
un rancho en que podernos embarcar.


E foi a Ponderosa máis ca nome,
por velo de aventura e ilusión,
distinto, diferente, persoal,
a porta poderosa pra soñar.


Houbo rancho nos xuncos que se bañan
movidos polas ondas das mareas,
nos xogos infantís polos currunchos
tallados nos entullos das paredes,
nos risos desas voces pequeneiras
gardándose nos aires de veráns
lonxincuos, pero vivos e completos
na escena do que nunca ha de volver.


As cepas dos bacelos de xunqueira
nas raíces imposibles de arrancar
nin pegada deixaron neses cotos,
vencidas polas árbores fluviais
de todo o que se queda en abandono
rematado o amor que se lle dá.


A beira do río alí inventada
é auga condenada a discorrer.


Daquela Ponderosa que tivemos
en nós está de certo que existiu.















.





2 comentários:

  1. No me cansaré de decir que tus artículos deberían de salir en algún medio de comunicación importante para que más gente pudiera disfrutar de tu sagaz apreciación del día a día, de tu inmejorable y elegante ironía y, por supuesto, de un gallego culto y perfecto.
    Disfrutar de tus poemas también es unlujo.
    ¡A ver si el director de algún periódico gallego abre los ojos!

    ResponderEliminar
  2. Encántanme as túas afirmacións e para min son a mellor colleita do que semento no blogue. O dos periódicos, tal e como anda esto, nin se agarda nin se busca.
    Graz as!

    ResponderEliminar