sexta-feira, 24 de maio de 2013

Escarabellos







Somos un tanto optimistas. Demais, probablemente. Con isto de mellorar a autoestima vémonos como non somos. E falo por min, claro, que sei que hai xente moi intelixente e nada presumida que vén sendo xustamente iso que eu non son. 

A min báixanseme  os fumes cunha certa frecuencia e polas cousas máis dispares; unha delas (de hai tempo xa, por iso me atrevo a contala), despois de ler que os escarabellos peloteiros facían o seu traballo guiándose pola Vía Láctea. Son escarabellos e andan remexendo no esterco, nun oficio que non resulta moi atractivo en si, case diriamos que nunha profesión que tira ao prosaico e van eles e elévana á categoría do sublime. Miran as estrelas. Coñecen a Vía Láctea a pesar de teren que pasar a vida pegados ao chan. 
Non sería estraño que tamén se contasen lendas entre eles e creasen historias desas mesmas estrelas que os guían, e ás que eles se encomendan.

E eu, que ás veces tropezo coas pedras porque me dá por levantar a vista e mirar cara adiante, sen nin siquera ser quen a atopar esa mesma Vía Láctea nalgunha das veces que o verán me presta ceos fermosos.


Será porque de pequeno dicíanme seguido que non andase a contar estrelas que se me enchería a cara de pencas? 





Plantei nun suco dereito
tirabeques confiado
repartíndoos pola mesa
e cun rego a cada lado.


Non tardaron en nacer
pero medraron a modo
asomando pola terra
verdes follas de azul ollo.


Fixéronse ben máis grandes
que os paus nos que se enredaron
sen lles sosteren o peso
das casulas que botaron.


Verdes, grandes e brillantes
chaman a atención na horta
pedindo porque os recollan
e lles dean fin na pota.


E se puidesen pedir
pedirían mellor grella
aceite, xamón e sal,
con bo viño, boa mesa!












.


3 comentários: