domingo, 5 de maio de 2013

Nais






Ela conta cun sorriso como a el lle apretaban os zapatos da voda, e como  gastou parte dos poucos cartos da lúa de mel nunhas sandalias liberadoras dos pés (ghuarachas, chamáballes el).
Foron, porén, unhas datas felices. Na Coruña, nunha pensión na que pasaron dúas noites e á que chegaron cunha pequena maleta marrón, de cartón moi duro e reforzos metálicos nas esquinas (no seu único uso como material de viaxe, todos os anos que despois viñeron contemplárona no faiado, sendo caixa de recordos para acoller algunha foto no medio de obxectos diversos, tan pequenos no tamaño coma extensos nas historias que os contiñan).
As horas da viaxe resultaran fermosas e completas. Viran un mundo urbano diferente á aldea tan próxima na distancia. A Coruña era outra cousa con aquelas rúas, as prazas,  a Torre... Subiron á Torre de Hércules e admiraron a grandiosidade daquel mar: preto, ao lado, pero tan aberto a mundos descoñecidos... Deron paseos, comeron en casas de comidas (das que nunca esqueceron os menús), e, por riba, foron ao cine!

Os zapatos da voda trouxéranos de volta á casa, mais nunca os volveu poñer.













Moito máis que só recordo
no esforzo de aprehender o que se esvae
o imposible da ledicia compartida
o sorriso
aquel xesto repetido e agardado cada vez
os olores
os aromas asociados ao cotiá
outras fotos
instantáneas do fugaz
dunha viaxe
da visita que se soña tan feliz...
os momentos coas escusas de comidas
con café
para falar
o fácil dunha risa apetecible
celebrando así o sublime
de vivir
a vida mesma
a compañía.























.


3 comentários:

  1. Luna de miel auténtica,maravillosa, llena de sentimientos, sorpresas y complicidad.Como dice Sabina: "Que todas las noches sean noches de boda; que todas las lunas sean lunas de miel"

    ResponderEliminar
  2. Que entrada tan fermosa!

    Sempre me gustou moito esta historia. Historia chámolle, pois parece case un conto, ademais tan ben narrado. Non o esperaba para nada, e atopalo así, de súpeto, que emoción me causou!

    Dende logo, unha homenaxe excelente para un día especial.

    ResponderEliminar
  3. :). A mín pasoume como a Víctor. Empezar a ler, recoñecer a historia, e imaxinarme outros sitios e outros tempos. Precioso.

    ResponderEliminar