Teño para min que hai unha especie de vinganza nos
suspensos. Que poden ser unha manifestación do resentemento de
profesores que no seu día tamén foron suspendidos. Mesmo que suspenderon, que non é exactamente o mesmo, pero que neste caso debe ser máis axeitado. De malos estudantes que no seu día non daban aprobado, do mesmo xeito que hoxe tampouco son quen a aprobar na súa profesión.
De ser certa este teoría miña viría a
corroborar iso de que os que sofren o mal de pequenos teñen máis
posibilidades de seren maltratadores adultos, que os que son
ensinados na violencia son violentos logo, que os que sofren abusos
teñen máis tendencia a abusar, e así sucesivamente. Debe ser unha
especie de tara que marca e impide a racionalidade, mesmo a causa
dunha incompletude mental que se manifesta necesariamente nas accións
persoais.
De ser certo isto, e xa digo que a min seméllamo, a
cousa é grave. Gravísima; pois estaría a significar
que temos como educadores, como formadores de individuos a persoas
incompletas, a persoas resentidas e vingativas nada aptas para funcións sociais. Que educación poderíamos agardar se o ensino está
nas mans e nas mentes de persoas con taras?
Se é que estes profesores non son tarados, non atopo
xustificación a que alumnos de segundo do bacharalato de ciencias
non poidan facer a selectividade en xuño porque non deron aprobado
unha das materias que cursaban. O galego. Unha das tres linguas que
debían superar para poder continuar os seus estudos de ciencias. Ao
mellor suspendéronos porque, como acabarán por ir a Alemaña, é
posible que non poidan seguir estudando e aprendendo a fermosa lingua
da terra. Curioso mundo este, cando ademais algúns deles utilizan só
o galego como lingua vehicular durante todo o día, sexa cal sexa o
ámbito no que se atopen. E, posto a facer deducións, imaxino que
para que iso mesmo o fagan os seus profesores habería que ter moita,
moita sorte.
A pregunta final, esa que me ronda cada ano cando chegan
estas datas de xuño, é como facemos para que estes alumnos, e
todas as persoas que saiban destes desastres, non acaben desexando
para os seus fillos un galego optativo? Como lles dicimos que non
apoien a Galicia Bilingüe e a outros coma eles?
NOTA.- Os profesores dos que falo, dos que sei, son mulleres, pero moléstame darlles visibilidade e escribir un texto non sexista; sobre todo porque así, se é que chega ás súas mans por casualidade, acabarán tendo unha razón máis para suspenderme a min.
O xesto,
a altivez,
o menosprezo no ton
que nos amola.
Nada ensina.
Actos egoístas no
simplismo
interesado.
Conversas obrigadas
con ollos que non
miran o valor
nin onde deben.
Búscanse as
linguaxes
primitivas.
Se afastan
intereses non importa,
serán outros.
Desprezo na soberbia
do ignorante.
Mais de cal?
.
Sem comentários:
Enviar um comentário