segunda-feira, 16 de junho de 2014

Pousadoiros




Hoxe vin fotos de cruceiros. Son fermosas esas oracións de pedra das que nos falaba Castelao; lóxico: calquera obra que se faga en Galicia, se se fai en pedra do país e se  lle deixa  ao tempo colaborar, remata por volverse  viva e  fermosa, se por casualidade antes non o era xa. E os cruceiros, o mesmo.

As fotos dos cruceiros dos que falo tiñan todas en común o pousadoiro, esa especie de mesa na que se deixaba descansar aos homes dos seus mortos..

Na nosa terra vese que non somos de pantasmas, iso xa o fai todo o mundo, e non tén mérito,  nós non imos andar con elas dun lado a outro; ocupadas como están camiñando en santa compaña na procura dos camiños do santo andré, nin tempo teñen para visitarnos e facer que carguemos con elas. E faceríamolo sen problema; porque, pesar, pesan pouco. Mais, cos mortos o asunto é doutra maneira. Eses están por todas partes. Non hai maneira de librarse. Un nada que nos despistemos  bótannos o morto enriba para que  carguemos con el. Así, sabendo o que nos toca, por practicidade, polas longas camiñadas ás que nos obrigan, que de cando en vez apareza un pousadoiro vén sendo a demostración do precavidos que somos, que xa poñemos mesmo a venda antes de ter a ferida..

Non é porque sexamos intelixentes, que tamén, é porque nos avisaron. Estes mortos que levamos con nós fálannos, dannos compaña e consello e sérvennos de guía para o bo camiño, por máis que, cando van collendo confianza non teñan segredos e rematen por dicirnos iso de
Morto como ti me ves
Eu xa fun o que ti es
E ti serás o que eu son
Queiras ou non

E, despois de oírllelo,  quen non vai querer pousar?  

















A ausencia en cada cita
non se avisa.


A morte cando leva
non dá conta,
non cancela,
non presenta a pobre escusa
que pedimos.


Ela fai o necesario
decidida,
imperiosa,
sabedora do poder que lle pertence.


Non prorroga por ninguén
por máis que  chore.


Nada.


Nin reproches.
Nada hai.


A non ser fin.























Imaxe sacada de Pueblos de España (http://www.pueblos-espana.org/galicia/lugo/castroverde/866611/)















Sem comentários:

Enviar um comentário