Os
cumpreanos son días de felicidade. Son días nos que a celebración ocupa todas as
horas mesmo no caso de que nós queiramos pechalas nunha sesión de festa moi
concreta.
Dentro
dos costumes que asocio a estes días de celebración, está o de soprar nas
velas. Gústame que se sopren, coma se fose unha metáfora do rápido que semella
irse o tempo, por veces case coma a brisa escasa que nós facemos no rito do
apagado. E tamén me gustan esas que volven
prender, obstinadas, sen deixar que o noso alento as extinga. En realidade
estas deberían gustarme máis, pois nelas a metáfora tráenos todos eses momentos
de luz que nos agardan por diante, no agasallo de días prometidos.
Tamén
a música se fai agradable, por convidarnos a esquecer que desafinamos, por permitirnos darlle notas musicais á alegría que son capaces de regalarnos, tan
de tarde en tarde!, as datas que volvemos
especialmente singulares.
Ao
final, brindar. E un vólvese aladino para poder refregar a lámpada máxica que nos
concede, ao menos de xeito momentáneo, os nosos desexos máis profundos.
Feliz
cumpreanos!
Mirámonos nas obras
realizadas
coma aquel que no
descanso mira o feito
por ver agradecido o
resultado
no gozo dos tempos esgotados.
Sabemos do pasado
que nós somos
no único real que
nos dá a vida
e nel están o
sangue e o amor nosos
no ser que nos
mellora e continúa.
Un fillo: un froito,
unha semente
no cerne deses soños
compartidos
coidado coma todo o
que un comparte
sabendo que se dá o
máis querido.
Un fillo, ese soño
regalado!
.
Os cumpreanos son todo eso, pero pasados na distancia, teñen un punto amargo.
ResponderEliminarPero, ¡canto axuda a tecnoloxía! Vémonos, falamos, enviámonos fotos... Coma a do oso, ese oso que tén tantos anos coma min :)
Moitas gracias pola entrada. Bicos!