domingo, 26 de julho de 2020

Despedidas


        As vidas constrúense durante moito tempo e coa suma de minúsculas unidades.  Na construción usamos o máis diverso, desde o puro pensamento ata ás palabras, ou actos… Seguramente, ademais, nesa mesma orde. Por moito que se diga, pouco facemos sen pensar, ou, polo menos eu, sen pensalo nada. Pero nesa construción tamén son importantes as cousas. De todo tipo. Materiais inanimados que nos acompañan e promoven a nosa vida. É claro que nós rodeámonos deles porque foi a nosa decisión e, así, están supeditadas ao noso raciocinio primeiro. Pero, logo, unha vez que os conservamos, eles son, de seu, razón de ser. Ata poden guiarnos e levarnos a decisións baseadas exclusivamente na súa existencia ao noso lado. Algo que temos, algo que usamos. Foi o noso interese e esforzo  posuílo, e agora é noso e a nosa persoa non se entende sen el. E seguimos aí, día tras día, ano tras ano. Como no material (ao igual que no inmaterial) todo remata por acabar, chega a despedida. Un día, sen máis, debemos dicir adeus e quedarnos basicamente co recordo vencellado a unha existencia que sentimos propia. E, nesa despedida, os espectadores poden observar como se recurtan os perfiles dos adeuses e como a saudade impide mirar de frente co mínimo sorriso habitual. Volve ser esa mesma imposibilidade que, cando nenos, nos quedaba ao cumprírense  as amezas de quitarnos as cousas que máis nos entretiñan, esas que, seica, nos ocupaban o tempo en exceso. E agardabamos por unha restitución necesaria. Coma agora. Mais, desta, sabemos que o único que nos queda son recordos.






Dicimos os adeuses desde lonxe

Debuxamos á man tempo fuxido

Movemos na memoria así o pasado.



Adeuses agardados


Sabendo que a lembranza fixo vida

Nas escollas das voltas do camiño

Andainas descansadas de verán.




Decisións inesperadas

Instantes de ver, de compartir e de aprender.


Nómadas atávicos só nos soños 

Libertarios

Na evasión do real e do cotián.



Días desfrutados no pracer de  saber que se viviu.














Sem comentários:

Enviar um comentário