Estes
días atrás lin en varios xornais que somos líderes en España.
Poñíano moi claro como se a cousa fose importante e novidosa. Si
que o somos. Eu sei que tamén o somos en Europa, e non andamos a propagalo
fachendosos por aí. Por modestos, claro!
Sei,
por exemplo, que as nosas ameixas, as de aquí de sempre, son negras,
ou tiran ao negro, por causa da contaminación da ría, que destrúe
a superficie das cunchas e fixa nelas os restos que lles proporcionan
esas coloracións innecesarias.
Coñezo a historia das bombas fétidas xigantes que temos na nosa ría,
cando baixa a marea, producidas pola sedimentación dos residuos que
nós lle enviamos, e que nos dan unhas enormes cantidades de ácido
sulfhídrico, ao tempo que eliminan osíxeno e dificultan a vida
marítima nesas zonas, facendo que os optimistas relacionemos un cheiro
noxento coa peste da marea baixa que, en condicións de limpeza, tería
o recendo de carecer de olor.
Contáronme o efecto de quecemento da auga na zona de Megasa, pola fundición da
chatarra, e o arrefriamento na zona de Reganosa, por causa dos
depósitos de gas, con efectos indesexables en ámbolos casos.
Aprendín que esta ría é un exemplo máis da acción destrutora do home, e de como a
natureza tenta remendar malamente o que pode. Incrible posuír unha zona tan
rica, basicamente en moluscos, tendo tamén nela o lugar máis
contaminado por fecais de toda Europa.
Conclúo así que todo o anterior é normal
se un acaba sabendo que a contaminación é característica común das rías
galegas, e esa foi unha das razón que levou á Xunta, hai anos, non a limpalas, e si a sementar en todas elas ameixa xapónica, moi resistente á
contaminación, pero capaz de irse impoñendo ás especies
autóctonas, que son cada día máis escasas e prezadas.
Un exemplo a seguir! Líderes nas bandeiras azuis, somos quen de mellorar o medio, como se ve na zona costeira de Caranza: fermoso paseo marítimo, con liña de costa artificial que tén toneladas e toneladas de area da ría de Ares, conseguindo unha praia urbana limitada por dous grandes emisarios de augas residuais. Con marea baixa a zona de baño queda sufrindo influencia
de un, na preamar domina o outro a praia. A consecuencia é unha costa na que está totalmente prohibido o baño, pola barbaridade de coliformes que teñen na auga o seu medio de vida (supera en máis de cinco veces os límites permitidos), pero á que acode
moita xente a tomar o sol, e cando xa a calor é demasiada ...
Menos
mal que cando haxa cartos acabarán saneando todo, pois as subvencións que se deron na UE para as depuradoras das nosas rías fixéronnos falla para pagar os paseos marítimos que precisabamos.
Porta
de esmeralda para a ría,
aberta
polo soño máis viaxeiro
gravando
en arsenais algún roteiro
con
camiños en auga como guía.
Abrigos
con calor de nome claro
montesa
a voz co rexo acento noso:
sinxelo,
luminoso, Montefaro;
indómito
e feroz, Monteventoso.
Vixías
do perigo con fiel celo,
saídos
doutras guerras, penitentes,
soldados
feitos pedra de castelo
na
ría fan real pasada gloria
navegante,
en augas transparentes,
vixiantes
inmortais da súa historia.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário