Desde
onde escribo teño moi boas vistas. Hai uns meses podía alegrar os
ollos coas flores das cerdeiras enchendo todo un espazo antes
baleiro, ou cheo, mais coa tristeza de pólas núas durante un longo
inverno. Agora mesmo, as cerdeiras, ademais de dárenme un plus de
intimidade, que sempre é de agradecer, xa que coas súas follas
verdes crean unha barreira que me protexe das calamidades do mundo
exterior, suscítanme, xa desde a mesma visión en si, un universo de
sabores emanado deses froitos máis vermellos cada día a adornaren a
paisaxe en cantidades enormes, tal que quixesen competir en número
coas follas das que antes falaba. Deben estar saborosas as cereixas,
no seu punto, eu obsérvoas e calcúloo polas moitas viaxes que
fan os paxaros para fornecerse do alimento preciso. Algúns dos pequenos, coma os paporroibos, elixen con coidado e durante unha chea de tempo a cereixa, igual que se fosen nenos diante dunha bandexa de doces, á que miran coa sensación
de que non elixen un e si de que máis ben perden todos os que non han levar; eses paxaros pequenos
páranse así, como para non equivocarse co tamaño e atragoarse,
pois hai cereixas máis grandes do que o seu peteiro permite
transportar, cousa que non acontece cos veloces e decididos merlos.
As
cerdeiras son do veciño, é o peor que teñen, outra tacha non se lles atopa. Eu, no camiño de aprender, podei as miñas este ano, aló polo xaneiro, e vese que,
como non me volva paxaro e vaia ás do veciño, se quero comer,
terei que conformarme coas do Jerte ou coas do Bierzo, que tampouco andan lonxe.
Son cento trinta e
tres
en case un,
tan ledos que se
tocan polas mans
sublimes porque
viven os segundos.
Amores que se buscan
coñecidos
na entrega que se
fía ao persoal.
Se non chegase a un
o que se forma
o fin non se tería
que acordar.
.
Este año, sólo gracias a tí, puedo imaginar la belleza de los cerezos en flor, pues no los pude ver al natural.Por lo demás, siempre nos quedarán las sabrosas cerezas de Ombre.
ResponderEliminarMuchas felicidades por tu santo, San Antonio de Padua que, por cierto, no se llamaba Antonio ni era de Padua(se llamaba Fernando y era portugués) FELICIDADES
Grazas! E polo do nome, aínda que se chame Fernando vouno seguir celebrando que os dese nome tamén me caen ben, e non vaia ser que teña que ir ao de xaneiro coma o resto dos animais... (que sexa portugués, mira, véxoo mellor, por aquí sempre dixemos que "menos mal que nos queda Portugal") Bicos
ResponderEliminar