A televisión acaba por atraer a nosa atención do mesmo
xeito que a luz atrae ás avelaíñas. Non importa que non vaiamos
obter ningún beneficio do tempo investido na súa contemplación. Dá
o mesmo, imos mirala, pensando noutra cousa talvez, pero atendendo
tamén ao que emiten. Até somos capaces de falar con ela, co
aparello en si, e discursear sobre o que estamos a ver. As adiccións
sométennos, e as preguizas que gozamos impídennos calquera
movemento, incluído ese tan simple que consiste en alongar o brazo,
coller o mando a distancia e pulsar un botón vermello.
Móbil, tableta, televisión. Pantallas. Máscaras para
unha realidade que non desexamos ver; pero, quen se arrisca a perder
o único acceso actual á cultura?
Nunca quedan bágoas
que verquer
nos ollos
desecados pola vida,
escapan sensacións,
medra a atonía...
Na forma por finar
do sentimento,
mollando a pel o
bafo da tristeza,
que distantes as
horas de emoción...
I
Nacendo en
diferenzas vese errante
o aire que nos trae
o desacougo
vén presto, sen
razóns que o xustifiquen,
reclamo dos espazos
interpostos.
O frío que nos dá
ao non sentirnos
penétranos sen ter
oposición
enchendo máis de
nada este baleiro
xigante, por
inmenso e non finito,
por ausente, tan
ausente, a calor.
Perdéronse as
palabras sen dicilas,
os tempos empurraron
sen un plan,
fuxiron as miradas
ao non vernos,
tan lonxe nos quedou
o respirar.
Os días
confundíronse en rutinas,
murcháronse as
raíces sen dar flor.
Gozando na ilusión
de crer gozar,
por non nos permitir
o paso atrás.
II
E chega xa o resumo,
a recensión,
dos libros mal
escritos paso a paso,
da historia que
deixamos sen contar,
das letras coas que
se escribiu fracaso.
Apagan tenues chamas
de penumbra,
extírpanse de vez
máis dun porqué.
Privado así de luz,
con calma e frío,
vén case sensación
de placidez.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário