terça-feira, 14 de janeiro de 2014

C


C de cine.

Todo é previsible. Chegado o c non queda outra que lembrarse do cine. Pero máis que traer o cine como cultureta, que tamén é do c, eu lembro os locais onde teño estado, as compañías e mesmo algunhas das historias ás que asistín por veces conmovido, outras alegre ou temeroso, e non sempre curioso e interesado.

Vexo  hoxe a diario, camiño do traballo, o letreiro antigo do cine onde vin Winchester 73, por exemplo, reconvertido en almacén; o do local de " O planeta dos simios", adornando as paredes dunha ruína, permanecendo nun edificio que agora non conta historias; e a menos de dous quilómetros destes dous, paso por unha praza que  deixou media ducia de cadeiras  metálicas en recordo do cine que tardou máis en pechar.
Coma me pasa agora, ao escribilo, ese camiño  posúe  a maxia de convidar á mente a outras estrañas viaxes, nas que se me aparecen días que pensaba esquecidos, ao tempo que, na comodidade do automóbil, me dirixo a desenvolver  actividades do presente.

Tres cines en tres quilómetros.

E con todo o que me gustaron, non teño o menor interés en volver ver a inmensa maioría desas pasadas películas.








Cinema Paradiso


A arte non vai ser o compromiso.
Rematan as funcións, pases adeus.
Xente á praza. Alí, nos ollos seus,
as bágoas por cinema paradiso


Cuberto xa o aforo necesario
preséntase unha historia moi cotiá
non se esperan, non, continuará,
na escena sen censura do vicario.


Amores que se perderán gozar,
consellos cando doen corazóns,
percibindo esmorecer as emocións
garantes dunha fiestra a vixiar.


Chafariz de bágoas a brotar
verquendo para nós as ilusións.



















.



Sem comentários:

Enviar um comentário