sábado, 15 de fevereiro de 2014

XXI


Século XXI

Pasamos horas buscando información para saber un pouco como é o mundo no que vivimos. É algo innecesario, e sabémolo, por máis que tratemos de atopar un lugar distinto, ese merlo branco do que nos falaban cando eramos capaces de crer nas palabras que dicían, pensabamos, exclusivamente para nós. Buscamos, lemos, miramos. Queremos ter sorte e dar con el. Ou que nos mintan, e que collan un dos negros e nolo pinten. Desexamos que nos conten, ou que nos prometan, un final feliz que sirva para anticipar un medio sorriso tranquilo.


Agora, despois dun tempo de procura incesante, seguimos por unha mínima fe, ou mellor pola incredulidade que neste caso nos produce todo o coñecemento adquirido. A certeza de saber que nada de final feliz. Nin feliz, nin tan siquera final. O que vemos xa se viu e inda se ha ver outra vez. Non hai máis posibilidades das que houbo, e que non soubemos (quixemos) aproveitar. Toca ver o mundo tal cal é, mesmo como o vía o peatón sen opinión de C.E. Ferreiro. E non dá gusto. 












Non lembro unha chamada por feliz
non dan os meus recordos o favor.


Removo nas procuras do pasado
e todo é igual.


Eu son o comodín a completar
a chave que precisa esta ocasión.


En veces, por momentos, non son eu
e escapo (ai, covarde), do lugar.





Quen son cando ha volverme regresar?
















.

Sem comentários:

Enviar um comentário