segunda-feira, 24 de fevereiro de 2014

Marca


Marcan, é moito. Moito máis que os cans no territorio coñecido. E día tras día. E así queda. Todo pringado.

Seica onte a Sexta TV “se comió la parrilla”. Millóns de espectadores asistiron incrédulos e expectantes (máis do segundo que do primeiro, parece) a un programa de Jordi Évole sobre o 23F.

Estamos nunha crise periodística, nunha crise de credibilidade dos medios derivada, alomenos en parte, da súa manipulación constante. Nós aceptámola, coma se non houbese amaño, e mesmo case a pedimos. Desta vez é o 23F, do que seguimos sen coñecer a verdade, e mañá ha ser de todo o demais do que non  nos deixan saber, pero do que nos contan un conto, para que sigamos durmindo. É a sinxela constatación de que tragamos o que nos boten, e despois votámolos para que nos sigan cantando milongas.

Que Belén Esteban venda libros a esgallo e que Paquirrín lidere a venda de discos é tan digno (eu creo que máis, porque eles van do que son) coma que Évole reciba os parabéns de periodistas que non fan o mesmo ca el, só porque non saben, porque querer quererían. E son de máis, polo que se ve.

Pensando nun mesmo, a estas alturas nas que se desexaría unha situación ben diferente, un quere, pero xa non sabe nin pode,  renunciar ao país e marchar moi lonxe. Sen saber nada máis. Iso é o único que apetece.

Non vin o programa de Jordi Évole, e falo de oídas, porque cada día aténdolle menos a televisión e case nada do que poñen me chama. Case nada.














Engánannos con credos e a sabendas
e véndennos moi falsas alegrías,
tapando sen oír as agonías,
pechándonos os ollos  cunhas vendas.

Vencidos con derrota e sen batalla,
co tempo a pasar sen movemento,
calamos na mudez do triste intento
de loita por saír desta mortalla.

Un día vén tras doutro, inexorables,
levando a mesma dor á mesma fronte,
por máis que ben se saiban os culpables.

Os males, os de hoxe, son de onte,
e os soños, como non, irrealizables,
sen luz para albiscar novo horizonte.


















.





2 comentários: