quarta-feira, 23 de abril de 2014

Libro


23 de abril
Clebramos o día do libro e dos dereitos de autor. Por primeira vez, de que eu saiba, xúntanse ao libro os dereitos do autor.

Nuns tempos de claro materialismo suponse que debe estar ben que estes dereitos, que á fin son cartos, aparezan na festa e nos acompañen a todos. Debemos lembrar que non se vive do aire, e que, se  se pode, débese vivir do conto, polo tanto faise preciso avisar de que hai que pagar. Ninguén dá nada por nada. O fontaneiro, o gandeiro ou mesmo o taxista, cando obtemos deles o froito do seu traballo, poñen a man para que nós poñamos os euros. E non protestamos polo prezo, se é que nos dan o que nós pedimos.


Detrás de cada libro hai horas  de dedicación e esforzo; de traballo que todos debemos valorar. Para que unhas cantas follas de papel estean impresas nas nosas mans ou nas pantallas dos nosos dispositivos foron necesarias unha chea de persoas que recibiron uns salarios que algúns dos lectores potenciais considerarían insuficientes se a eles llelos ofrecesen. Cóntanse os grandes literatos que se fixeron ricos  grazas ás marabillosas obras que nos deixaron para o noso deleite.  Cervantes, que antes andaba detrás desta data do día do libro, é un exemplo dunha vida nada envexable, a pesar de que el nos deixou o Quijote.









Aí, nas bibliotecas deste mundo,
gardamos mil tesouros que creamos,
historias do real que imaxinamos
e os soños que subiron do profundo.


Agardan por aquel a quen cativan
tomándoos como seus, para así crelos;
gozándoos, por pracer; aborrecelos,
talvez, tamén, a algúns revivan.


Os fondos do saber, os da cultura,
achéganse ata nós, de mil maneiras,
de peto as edicións, en tapa dura...


No gozo que dá ler non hai fronteiras
se traen para nós a fermosura
das vidas que sabemos ventureiras.
















.














Sem comentários:

Enviar um comentário