sexta-feira, 18 de abril de 2014

Paxariños



Contoumo un paxariño. 

Moitas veces, de pequeno, sorprendíanme sabendo cousas de min que cría que ninguén coñecía. Mesmo sentimentos que estaba convencido que non lle dixera a nadie, que non chegara a compartir, por vergoña ou por pudor, eran coñecidos polas persoas que me querían e que me dedicaban parte do seu tempo. Ante a alarma que eu manifestaba ao decatarme que eran sabedores deses meus segredos, obtiña un “contoumo un paxariño” como resposta invariable. Por veces, poucas, podía atoparme cun “díxomo un paxariño”. Pero, sempre, os paxaros andaban metidos polo medio. E en ocasións equivocábanse, de tal maneira, con erros tan gordos, que me parecía que non debía de tratarse do mesmo paxariño listo que sabía de min. Ou, de selo,  que non o entenderan ben, que tamén podía ser.

Esta semana santa, con vacacións e días de sol, teño tempo a escoitar paxaros, e a pensar na relación profunda que teñen con nós; e atópome facilmente divagando desde a súa aparición na Candeloria, que seica é cando casan, ata ese éxtase profundo que pillou a máis dun santo, tal como se os abducisen, para devolvelos anos despois a este val de lágrimas.

E por isto dos paxaros e a relixión e, sobre todo, polo do val de lágrimas, vénme á cabeza o bispo de Málaga. O actual.

Jesús Catalá é bispo desde hai unha chea de anos: primeiro de Alcalá de Henares e despois (aínda agora), de Málaga. Este relixioso fíxose máis famoso do que xa era porque nunhas declaracións recentes equiparou o matrimonio de persoas homosexuais á unión dunha recén nacida de tres días cun home de setenta anos. Ou coa xuntanza dun home cun can. Isto díxoo nunha visita pastoral a centros privados relixiosos da provincia, nunha charla para setecentos alumnos, dado que el, entre outras titulacións, é licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, con doutoramentos tamén en Dogma e Catequese. Desde a súa formación asevera igualmente que non deixaría nunca que unha parella do mesmo sexo tivese dereito á adopción, pois el xamais lles confiaría a educación  dun neno.

Paradoxicamente,  o director do centro de xesuítas onde se celebrou a charla afirmou que todas as declaracións foran moi prudentes e non se dixera nada difamatorio en ningún momento, e que el prefire quedarse co ambiente de convivencia que se creou nas instalacións do colexio.

De todas maneiras, nada hai de estraño, pois todo o que dixo xa o tiña manifestado de xeito parecido cando era bispo de Alcalá. E indo como ía para Málaga, nada mellor que facer carreira seguindo as opinións do seu cardeal, Fernando Sebastián, que afirmaba en xaneiro deste ano, sen recato algún,  que a homosexualidade é unha enfermidade.que se pode curar. Todo en Málaga.  Onde tamén lle dan  condecoracións policiais a unha estatua da Virxe María Santísima do Amor e onde un dos máis fervorosos procesionarios é Antonio Banderas. Todo é posible

Ao que ía, que acabo falando do que non quería, como se tivese a cabeza a paxaros. Seguro que esa relación tan profunda entre homes e animais non nace dos que levaba Noé na súa Arca, que é ben antiga. Probablemente, non o afimo, pero parécemo,  o bispo remóntase a esa pomba que fixo que unha virxe tivese un fillo ao que fixeron deus. E dóelle. Claro; non é galego, se o fose, sabería desde pequeno a de cousas que poden facer ou dicir os paxariños. Ata unha simple  pomba.










A desesperación,
por veces,
faise humana
e arrastra,
baixa,
esas voces que saen desde dentro,
arrincándoas da dolor.


Os puños apertados
no esforzo de traeren ata o chan
o firmamento

enteiro.








.








Sem comentários:

Enviar um comentário