sábado, 12 de abril de 2014

Ribeira



O paseo do día tocoulle á ribeira. É un paseo curto; pero, moi agradable. A visión do mar, da súa traquilidade, e o poder desfrutar de carreiros para o paso, máis que camiños, leva a que o pouco ruído proveña da monotonía do mar empeñado en retirarse da area unha e outra vez, mentres a auga volve anegar o aínda mollado, coma se non se dese decidido a facer unha elección única. Igual ca nós, que demoramos o paso conscientes de que non convén apurar as copas cando un quere saciarse de  tódolos sabores do viño.

A chegada ao peirao, a vista do novo pantalán (agora non queda un porto, por pequeno que sexa, que se poida librar dos pantaláns) e mesmo a pequena alameda que o mira, convidan a unha ralentización da marcha. Hai lanchas, poucas, que seguen co amarre tradicional, e que agora, coa marea baixa, descansan en posturas inverosímiles sobre a area enfangada próxima ao muro. Son de cores alegres, e parecen novas á primeira ollada, aínda que, con algo de atención, rematamos véndolles as pegadas  do mar nas súas madeiras. As primeiras que aparecen son dúas barquiñas xeitosas, moi próximas, que leván por nome TOMAS; e resulta raro, pois a maioría prefire os femininos. Para corroboralo vexo ao pouco, case ao lado dos outros, un bote con ANA CRISTINA en letras brancas soibre o fondo azul da táboa. Un pouco máis lonxe está  un enorme gaseiro de cinco depósitos de cor crema, que leva amarrado no estaleiro xa meses, creo. É grande, mais a distancia non me deixa coñecer o seu nome. 

Aquí, coma en calquera sito, unha simple ollada permite explicar o capitalismo: uns teñen enormes gaseiros;  moitos, coma min, non teñen barco; algúns, coma  Tomás, teñen dous, pero pequenos; e tamén outras persoas, coma Ana e Cristina, teñen un só para compartiren. O mundo está diante de nós. Só temos que velo cos ollos abertos.




A Ribeira


Paseei pola ribeira
na procura de descanso
a compaña dábaa López
indo ao trote ou paso canso.


El debe verse algo vello,
como me vexo eu a min,
e pasear ás carreiras
non o temos como fin.


A ribeira é a nosa praia
o lugar que nos convén
pola auga, pola area,
por todo canto contén.


Non collemos unha ameixa,
nin tampouco berberechos,
pero movemos as cunchas
e mirámoslles os bechos.


De vez en cando unha pedra
arrebolámoslla ao mar,
e de voar algún pau
será o can quen o ha buscar.


Facémolo como escusa
para que poida nadar,
se non hai razóns de peso
López non se quer mollar!


De pequeno, na ribeira
mariscador quixen ser:
andeina con miña nai
para os seus froitos obter.


Do pouco que eu recollía
a pesar de traballar
case se me parecía
que andaba a arar polo mar.


Con sachos máis ben pequenos
e con paxes ou caldeiros
carneiros, machos e ameixas
collíanse por milleiros.


Eran costas produtivas
coidadas polo cariño
de xentes que ata nas casas
vían ao mar de veciño.


Botábase man da praia,
para facer máis salario
axudaban uns e outros,
con traballo solidario.


Iso pasou hai ben tempo,
pero no mesmo lugar,
ese que a día de hoxe
visito por pasear.














3 comentários:

  1. Muchas gracias por este hermoso paseo con olor a nostalgia y a mar.

    ResponderEliminar
  2. A foto correspóndese cun paseo feito por dúas parellas un nove de xullo do dous mil doce. E foi moi parecido tamén: ata algunhas persoas se entretiveron mirando de bailar pedras na tona da auga. E algo bailaron, si.

    ResponderEliminar
  3. ¡Qué bonita sorpresa! Por eso me parecía tan familiar; tal como si te fuera acompañando...

    ResponderEliminar