Xa empecei a recoller algunhas
noces. Saben ben. Non teñen nada que ver co que serán dentro dun
par de meses, cando estean secas. Nin nos aromas, nin nos sabores; e
tamén hai unha boa diferencia en como quedan os dedos, porque agora,
ao quitarlles a pel para deixar branca e núa a carne vexetal, parte
dos aceites veñen a nós, e o sentido do tacto revitaliza, facendo
que a expresión a flor de pel teña aquí un certo sentido.
Como contrapartida, porque
sempre debe haber algo que nos preocupe, vexo a nogueira rara, con
poucas follas vizosas, e tirando cara ao seco e murcho, destacando
no conxunto pobre as manchas verdes das noces aínda non caídas.
É raro esto e, coma noutras
cousas, seguro que a culpa tena o cambio climático. Para asegurarme
busquei información, sobre todo por tranquilizarme; así atopei a voz pragmática do Global Adaptation Institute. Como relaxa saber que
Aznar preside o seu consello asesor! Non hai fallo. Estamos en boas
mans. Xa poden as nogueiras secaren todas, porque de cambio climático
nada de nada...
Onde
loitamos co tempo
perdendo nel forza e
folgo?
Cales horas é que sobran
por levarnos a alegría?
Ilusión, vaidades, fe
nas derrotas acadadas
hoxe murchas coma nós.
Estadeas e relente.
Querer e non poder
a vida a medias
no esforzo perseguido
tras da gloria.
Quedarse resignado
é rendición
gañando por derrota
humillación.
Sem comentários:
Enviar um comentário