terça-feira, 20 de setembro de 2011

Sentido


A existencia responde en xeral a parámetros tan varios que resulta inevitable, así, que as vidas sexan irremediablemente diferentes e moi distintas en fondo e forma. En ocasións sorpréndeme descubrir aspectos novos en momentos que parecerían repetidos, revividos doutros días moi semellantes, mais a fortuna fai que un sentido aflore e xa cambia todo. Podemos ver, aínda que case nunca miramos. Existen olores que percibimos sen prestarlles a mínima atención, e sen sabermos como nin por que, inúndannos un día, de repente, sen vir a conto case. Os sons, voltos ruído case sempre, ata atrofiarnos, sen deixarnos percibir o que emociona, acaban tan perdidos coma os sabores, nunha sociedade que produce o necesario para que todo sexa insípido e neutro, e non desperte xamais ningún sentido.

De todos, se queda algún, quizais sexa o tacto o máis usado, a pesar de todo o que lemos a diario nos titulares da prensa.






Música que non sentes,

de xordas notas,

feble nos seus compases

dando horas rotas.


Melodías moi lonxe…
Mente e oído
nas dores indelebles
perden sentido.


Os sons descoñecidos
e inexistentes
proerannos así
profundamente.





.

Sem comentários:

Enviar um comentário