quarta-feira, 12 de outubro de 2011

Doce


Á miña querencia polos números (o catro e os seus múltiplos) engadéuselle desde hai ben tempo unha certa admiración polas columnas, nas súas máis estrañas variantes. Estes días comentáronme, a conta dos movementos telúricos de El Hierro, da existencia por aló por Creta, de columnas cunha base considerablemente máis estreita cá súa parte superior. Seica soportaron gran cantidade de terremotos a pesar de que os seus construtores,  tres mil anos antes de Cristo, non debían contar con enormes coñecementos científicos. Ou será que na nosa evolución esquecemos máis do que en realidade aprendemos?
Eu, precavido como son, tamén teño o meu piar para que me sustente en cada terremoto ao que me somete a vida.







Tentamos apreixarnos
sendo soños.
Pensamos en vivir
intensamente.
Os anos, os segundos,
van pasando.
E a vida, real quimera,
vai pousando.

A maxia vive inqueda
en todas partes.
E síntote feliz
en procurándoa.
Un intre, un movemento,
ese sorriso.
E a voz, para o amor,
resplandecente.

O aire, un aloumiño,
ou case un xesto.
Son mostras da calor
que está envolvendo.
A pel, esa mirada,
o arrecendo.
O fin, viva a emoción, 
o acoplamento.







.


Sem comentários:

Enviar um comentário