Pásame con relativa frecuencia, e cos repinaldos tamén. Lembro a infancia e asócioa a obxectos, momentos, persoas e mesmo a sensacións. Poida que mitifique de tal xeito que ao remate o que eu recordo acabe por ter moi pouco que ver co que era real no seu tempo. Pero gústame, e así os vertedeiros da cociña, por exemplo, aínda han seguir a ser enormemente altos; e o avó debía calzar un número sesenta, ou así, por como eu lle vexo as zocas nas que me subía para dar paseos en equilibrios precarios; e como me gustaban os repinaldos que pelaba coa navalla deixándolles a tira enteira, para que eu a acomodase nunha nova froita oca!
Ollar o repinaldeiro,
entre as árbores da horta,
verlle as follas, verlle flores,
eu sei ben que reconforta.
Pasan meses cos seu días,
e cando asoman os froitos
delicados, todo xuntos,
de miralos, vense moitos.
Ao medraren fanse raros:
unhas curiosas mazás
querendo facerse altas
e sen gañas de engordar.
Por tanto mirar ao sol
pégaselles o amarelo;
póñendose colorados,
o verde van escondelo.
O seu único sabor
amósase diferente,
con matices, con aromas
que conquistarán á xente.
Se probas un repinaldo
podes darte por vencido
mirarás e buscarás
e quereralos seguido.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário