sexta-feira, 28 de outubro de 2011

San Simón



O agro galego está inzado de ditos. Debe haber tantos que, sen buscalos, non é difícil atopar un para cada día. O de hoxé leva a todos os que facemos viño a botarlle un ollo ao barril, e a revisar os bandóns, apretándoos todo o que precisen, pois de aquí ao marzo non ha ferver máis, só asentar. 
Despois do divertimento que supón a vendima, pisar as uvas, beber o mosto recén extraído, e mesmo facer como corresponde o magosto (un ano coma este no que todo vai acelerado, incluso as castañas); prepararse a afrontar o inverno facendo a caña e probándoa coas castañas, os arenques e algún bisté da marola, sen perdoar o anís de garrafón, fai que un lembre para sempre eso de “Polo san Simón, apreta o bandón”.
Cousas coma esta pódense ler a diario se un tén a aplicación dos refráns galegos que anda agora pola rede: refraneiro galego.






A horta medra


Na horta medran ao sol
nispareiros, dez maceiras,
moitas vides, oito  quivis,
un marmelo e unha figueira.

A abelaira e o loureiro
compiten coas matogueiras,
co romeu ou coa lavanda,
e incluso coa oliveira.

Rechamantes  hai dous cestos,
un de aro e outro de asas,
son paxes feitos de flores
que se ven preto da casa.

A entrada gárdaa o  acivro
medio verde e colorado,
escondendo tras das follas
os seus froitos encarnados.

Os magnolios son fermosos,
uns escuros, outros claros,
boas gamas de colores,
todos malva, pero raros.

Cóntanse catro palmeiras,
casas de mil paxariños,
máis ben  xuntas e distintas
cada unha cos seus niños.

Limoeiros vense varios,
todos postos en ringleira,
flores, froitos, bos limóns,
non son coma a laranxeira.

A verdade é que son tres,
as laranxeiras que temos,
se é que laranxeiras son,
pois laranxas non lles vemos.

As noces son da nogueira,
sempre a árbore do avó,
deulle formas de pequena
e hoxe fai asento bo.

Diante do porche da casa,
está plantada a cerdeira,
querémoslles ben ás flores,
é moito máis ás cereixas.


Horta facémonos nós
cando ofertamos o froito
volto amizade e cariño
a quen nos importa moito.







.


5 comentários:

  1. Hai refráns que me gustan, e este é un deles. Algún ano teño que apretar o bandón eu :)

    ResponderEliminar
  2. No se puede describir mejor vuestro pequeño paraíso. Disfrutadlo.

    ResponderEliminar
  3. Todo se disfruta sempre mellor en compañía. Se algo nos ensina o tempo é que o que nos rodea reflicte o engado fermoso daquelo que se realiza en compañía. Está claro que o home precisa da soiedade.
    Así que ... polas amizades!

    ResponderEliminar
  4. Ser quen de ver medrar a horta, ou de andar -de por vida - na procura do sabor dos repinaldos, é a meta, tan utópica, do noso acontecer vital....
    Ti sabes, e compartes, o camiño para acadala.!
    Parabéns emocionados.
    tin_herva

    ResponderEliminar
  5. Tal e como andan as cousas nestes mundos desenvolvidos demais, os campos e as hortas son un bo refuxio para atender as curosidades sinxelas da vida.
    Apertas.
    Por que será que nos gusta que nos digan cousas bonitas, por máis que as saibamos esaxeradas?)

    ResponderEliminar