domingo, 22 de janeiro de 2012

Compostela (e II)





La Coz de G de cando en vez confirma as nosas sospeitas. Somos un pobo tranquilo, pacífico e acomodado. Tanto nos dá como tanto nos tén. Mesmo nos actos máis penosos somos quen de argallar unhas farras (véxase o recente caso do día do enterro de don Manuel, e o convite do prócer coruñés aos seus correlixionarios madrileños) ou, se se tercia, cambiar un fermoso día de excursión turística á comunidade asturiana limítrofe, por unha boa misa na praza do Obradoiro, por don Manuel, claro!, tal e como fixeron uns en Lugo (a outra alternativa era volver para a casa despois de terse erguido ás sete da mañá, e como que non, vaia): xa había quen avisaba desto aló polo século XIX, preguntándose se a gaita ría ou choraba. Vai ser que cando chora faino coa risa, e se ri, é por non chorar.

Que os autobuses para ir ao funeral de d. M. os pague a Xunta, é xa outro cantar. 







Lenzos de muralla e máis ruelas
traen os eventos do pasado,
vividos, ilusión do recordado,
nun campo que se fixo con estrelas.


Igrexas, prazas, torre, saeteira
revoa unha palabra en cada fenda
uníndose a formar a súa lenda
fermosa, tan antiga e duradeira!


Historias de camiños imposibles
relatos de viaxeiros navegantes,
perdóns de ata pecados invisibles,
fogar de forasteiros e habitantes.


Na luz e voz daquel que sabe vela
cidade singular é Compostela.






.

Sem comentários:

Enviar um comentário