sexta-feira, 20 de janeiro de 2012

Compostela




As cidades son fermosas cando se viven cunha certa emoción, celebrando cada detalle, observando polo miúdo algúns dos moitos segredos gardados polas pedras centenarias e parándose o necesario para unha mirada descansada. Sitios polos que un pasou, espazos percorridos a diario sen atención, transfórmanse noutros lugares só por efecto do aprezo que poñemos nas olladas, pola calor coas que os describimos ou grazas ao coidado co que tratamos de aprehender o observado. Lembro, de hai ben anos, unha sentencia lapidaria, destas das que somos moi afeitos a facer algúns dos que pecamos de soberbia. Ensinar o que é doutro, pouca fachenda é. Hoxe, máis sabido -por vello-, entendo que ensinar algo con gusto, ademais de facelo propio, contaxia aos demais a fachenda necesaria para intentar saber a historia dun, o que vén sendo sabernos nós mesmos, quen somos e a onde nos queren levar.
Un día así, en Compostela, só podía rematar cun paseo polos tellados da catedral. Que esa estancia nas alturas tivese ademais a compaña da lúa, era esperable. Que máis daba que aínda non fosen as seis da tarde: as torres da catedral e os tellados eran o marco perfecto para a lúa chea dunha soleada tarde do mes de xaneiro.






Lúa en Compostela






Regaláronme un pichel
co gallo do aniversario
mais non lle botei o aceite
por non velo necesario.

O pichel só está de adorno
aínda que queira outro uso
adorno que ninguén mira
neste tempo tan confuso.

Agora que xa vou vello
eu tamén quedo en pichel
só me queda aparentar
tan estéril coma el.


















.

2 comentários:

  1. Nada como lo que tu describes me hace revivir tan bellos recuerdos de una ciudad tan íntima y a la vez universal.
    Aunque sé que con la pregunta dejo en evidencia mi ignorancia, me gustaría que me dijeras lo que significa pichel.
    Besos desde Oviedo

    ResponderEliminar
  2. Seica os de Compostela son coñecidos como picheleiros máis que por calquera outro xentilicio, e vén de que, en tempos, eran os mellores fabricantes deste tipo de recipientes de toda Galicia. Usábanse para o aceite. Por se acaso, vai a imaxe, co que se ve tamén o tamaño comparado. Hoxe, só son adornos, e por riba demasiado caros para estes tempos de plásticos.
    Moitos bicos

    ResponderEliminar