A
feira.
Para
min o Vinte e un é un lugar. Como tamén o é o Día Oito, no mesmo
concello de Cabanas. Teño querencia infantil polo sito, pola feira
de tódolos meses, con xente, con animais, con postos diferentes, cos
potes do polbo dispostos no camiño de acceso, cos seus olores e
ruídos... Pensar no Vinte e un e desexar saír da casa viña sendo
todo un. Hoxe, despois de ler a prensa, non sei, non sei... O viño
tinto deses días estaba bo, pero moitos graos non debía ter, porque
me acordo. Pensar no vinte e un de outubro case me leva a bebidas
de máis alcol, por se acaso rematamos queréndoo esquecer.
Abstención, absenta e absentismo.
Convocadas
as eleccións galegas comeza para nós un período indesexado de
soportar infinidade de arengas políticas. Cada vez que se presentan
unhas eleccións o proceso de atender e decidir faise vitalmente penoso, e
un remata por padecer uns síntomas que o aproximan á agorafobia, e
que o levan a pecharse en si mesmo para rematar pensando en erguer
un par de metros máis os muros da horta e buscando información de
cales son as especies arbóreas (autóctonas ou non, xa dá o mesmo)
que medran moito e en pouco tempo, para ubicalas de segunda barreira
e aillarse así un tanto máis da polución política. E de non haber absenta botaremos man da guinda, porque para a caña deberemos pensar noutros.
Non
nos representan.
Lóxico.
Nós dámoslles polo pau. Escenifican por papeis (do banco). Son artistas, actores (e actrices, non se nos vaian
enfadar por parecermos discriminadores, aínda que mellor deberiamos
pensar en actoras, para acentuar máis a igualdade) dunha obra que se
representa cada catro anos, que se ensaia tódolos días, que
consiste en dicir o que a xente desexa oír e en facer o que a un
máis o beneficie. Nada, preferiblemente, se con iso se obteñen boas
ganancias, ou aquilo que pidan as persoas que saben recompensar
economicamente o traballo político.
Unha
de romanos.
Unha
boa actuación do circo, precedida dos desfiles e actuacións na rúa
dos acróbatas, dos domadores de persoas, verdadeiros artistas na
arte do funambulismo (na segunda acepción do dicionario da RAE, non
co significado do DRAG), coas conseguintes advertencias do perigo
das feras que non se ensinan, pero que hai, e poden vir de non
facérmoslles caso, abondará para que a xente, despois de ver as
rúas adornadas coas carteleiras das funcións prometidas, leve o pan
e faga circo, rindo ao crer en todo iso que sabe que non é certo.
Lóxico,
por outra banda, nun país no que somos capaces de peregrinar por
favores que non habemos ter, e polos que antes damos fervorosas
grazas.
Xornadas
de reflexión
de
como nos van vender
o
valor da votación.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário